As Pontes, 1 de xuño de 2024. Os concellos da Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume bonificarán o IBI aos propietarios dos terreos dentro do Parque Natural das Fragas do Eume como compensación ás limitacións nos usos dos mesmos que supuxo a aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) por parte da Xunta de Galicia o ano pasado. As bonificacións fiscais, que poden chegar ao 95%, serán aprobadas e reguladas por cada un dos concellos en base á lexislación vixente.
Así se recolle no protocolo asinado esta mañá no Concello da Capela polo alcalde deste municipio, Manuel Meizoso; o rexedor das Pontes, Valentín González Formoso e o de Monfero, Andrés Feal Varela, ao que se sumarán tamén os municipios de Pontedeume e Cabanas, que hoxe non puideron asistir á sinatura deste acordo.
“O protocolo entre os cinco concellos busca aproveitar a oportunidade que nos dá a lexislación tributaria para bonificar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) que están dentro do ámbito do parque natural das Fragas do Eume”, explicou o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que destacou que “o certo é que ser propietario no ámbito deste parque implica a día de hoxe ter unha serie de condicionantes e limitacións importantes nos usos da súas propiedades, polo que entendemos que estas persoas teñen que ter tamén algún tipo de compensación”.
“Igual que esiximos compensacións á Xunta, os concellos queremos tamén dar exemplo con accións coma esta que son da nosa competencia, e que non van supor unha contía económica importante, pero si é un sinal de coherencia e compromiso con centos de persoas que ven limitados os usos dos seus terreos e propiedades”, afirmou Formoso tras a rúbrica do acordo.
Formoso lembrou que “os alcaldes dos cinco municipios, xunto cos propietarios, levamos tempo demandando á Xunta de Galicia compensacións pola limitación de usos que supuxo a aprobación do PRUX. Unhas compensacións que se están aprobando noutras comunidades autónomas e que contan con fondos europeos para elo a través do Fondo de Garantía Agraria da Unión Europea, pero que non se están empregando para este fin”, apuntou.
Os propietarios dos terreos do parque natural das Fragas do Eume levan máis dun ano manifestándose de forma periódica para demandar á Xunta de Galicia un Plan Reitor “consensuado” e que inclúa “compensacións xustas” polas limitacións nos usos das súas fincas.
O colectivo de afectados, que agrupa a centos de persoas, presentou un recurso contencioso-administrativo contra a aprobación do Plan Reitor, que foi admitido a trámite e cuxa vista está prevista para o vindeiro 2 de xullo nos xulgados da Coruña.