As Pontes, 29 de xuño de 2026. O Concello das Pontes vén de finalizar as obras de rehabilitación enerxética do Polideportivo da Magdalena, unha actuación que supuxo un investimento de 149.911,99 euros, financiado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello das Pontes.
A intervención permitiu modernizar esta instalación deportiva, construída entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, mellorando a súa eficiencia enerxética, o confort interior e a funcionalidade do edificio, ao tempo que se deron resposta ás principais deficiencias detectadas na súa envolvente e nas súas instalacións.
Os traballos centráronse na renovación integral das fachadas do volume principal, que presentaban humidades, manchas, deterioro da fábrica exterior e ausencia de illamento térmico. Para corrixir estas deficiencias rehabilitouse completamente a envolvente do edificio, incorporando un novo sistema de illamento térmico polo exterior e substituíndo a chapa existente na parte superior da fachada, mellorando así o comportamento térmico do pavillón, evitando filtracións e renovando a súa imaxe exterior.
A actuación incluíu tamén a reposición dos canalóns e baixantes afectados, garantindo unha correcta recollida e evacuación das augas pluviais.
No interior do pavillón renovouse por completo o sistema de iluminación, substituíndo as antigas luminarias de vapor de mercurio por tecnoloxía LED de alta eficiencia. Ademais, instalouse un sistema intelixente de control do acendido e da intensidade luminosa que permite adaptar a iluminación ás necesidades reais de cada actividade deportiva, reducindo o consumo eléctrico e mellorando a calidade da iluminación.
Outro dos aspectos destacados da actuación foi a renovación do sistema de produción de auga quente sanitaria mediante a instalación de equipos de aerotermia en substitución dos acumuladores eléctricos existentes. Este novo sistema aproveita a enerxía do aire para producir auga quente cun menor consumo eléctrico, contribuíndo á redución das emisións e ao aforro enerxético.
O goberno municipal destaca que esta actuación supón un novo paso na modernización das instalacións deportivas municipais e reafirma o compromiso do Concello coa mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos, facendo deles espazos máis confortables, sostibles e adaptados ás necesidades actuais.
Así mesmo, subliñan que esta intervención beneficiará directamente ao alumnado e á comunidade educativa do CEIP A Magdalena, así como aos clubs deportivos e á veciñanza que fai uso habitual do pavillón, que desde agora conta cunhas instalacións renovadas, máis eficientes, seguras e preparadas para ofrecer un mellor servizo durante os vindeiros anos.

























