As Pontes, 2 de xullo de 2026. O Concello das Pontes presentou esta mañá a programación oficial das Festas do Carme e A Fraga 2026, que se desenvolverán do 3 ao 25 de xullo cun amplo programa de actividades culturais, musicais, deportivas, relixiosas e de lecer pensado para todos os públicos. Máis de medio cento de propostas converterán novamente o municipio nun dos grandes referentes festivos do verán galego, cunha programación que combina tradición, patrimonio, participación cidadá e espectáculos de primeiro nivel.
A presentación correu a cargo da concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, acompañada por Miguel Ledo Roca, autor do cartel anunciador desta edición, unha obra que pon imaxe ao espírito dunhas festas profundamente vencelladas á identidade pontesa.
Durante o acto, Lorena Tenreiro destacou que “preparamos unha programación moi diversa, aberta a todos os públicos e na que conviven as nosas tradicións con propostas culturais e musicais de primeiro nivel. Queremos que as Festas do Carme e A Fraga sigan sendo un espazo de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que nos visitan durante o mes de xullo, poñendo en valor o enorme traballo do tecido asociativo, das escolas municipais e dos colectivos culturais das Pontes”.
Un cartel que resume a esencia das Pontes
A concelleira quixo tamén destacar o traballo realizado por Miguel Ledo Roca, autor dun cartel que reúne nunha única composición os lugares, tradicións e símbolos que fan das Festas do Carme e A Fraga unha celebración única.
“Este cartel é moito máis ca unha imaxe promocional; é unha homenaxe á nosa historia, ás nosas tradicións e ás persoas que, ano tras ano, manteñen viva esta celebración. Miguel conseguiu transformar os recordos e as emocións compartidas nunha obra contemporánea, chea de sensibilidade e detalles que nos invita a redescubrir As Pontes”, sinalou Lorena Tenreiro.
A ilustración recrea unha pequena illa simbólica na que conviven algúns dos espazos máis emblemáticos da vila: a Praza do Carme, escenario dos actos relixiosos e da tradicional procesión; a Praza de América, punto de encontro da cultura e da música; a Casa do Concello e o Parque Municipal, corazón institucional e social das festas; e A Fraga, contorna natural onde culminan as celebracións coa multitudinaria romaría.
Ao redor destes espazos cobran protagonismo algúns dos elementos máis representativos da identidade pontesa: as hortensias, protagonistas da tradicional alfombra floral; as xestas, inseparables da Romaría da Fraga; as cabanas, símbolo da convivencia entre familias e amizades; os fogos artificiais, que iluminan a noite grande das festas; o mantecado, un dos sabores máis característicos destas datas; e a música, presente nos escenarios e nas rúas como fío condutor dunha celebración que une xeracións.
Cada detalle da composición transmite a esencia das festas, representando os concertos, os espazos de encontro, as tradicións e a convivencia que caracterizan o Carme e A Fraga, convertendo o cartel nunha invitación a descubrir e vivir As Pontes durante o mes de xullo.
Máis de tres semanas de programación para todos os públicos
A programación arrancará o 3 de xullo coa presentación do número 18 da revista Estudos Históricos Hume na Casa Dopeso e continuará o día 4 coa Mostra de Música Coral no Cine Alovi.
Entre as actividades previas aos días grandes destacan a exposición colectiva “Unha foto un poema”, instalada no patio do CEIP Santa María entre o 9 de xullo e o 31 de agosto; a solemne novena na honra da Virxe do Carme, do 10 ao 18 de xullo; e a exposición “A música é o mellor”, de Luis M. Torrente, na Casa Dopeso.
O 11 de xullo celebrarase unha nova edición do Certame de Bandas, coa participación da Banda da Escola de Música Charamela de Pontedeume, da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia e da Banda Cultural e Recreativa das Pontes.
Do 13 ao 16 de xullo, os Xardíns do Campo da Feira acollerán o Parque Activo, con actividades infantís e familiares, mentres que as noites estarán protagonizadas polo ciclo As Noites do Carme, que incluirá actuacións da Escola Municipal de Pandeireta, o III Festival Música de Ultramar, o IV Festival de Acordeóns Vila das Pontes e espectáculos para público familiar.
Os días grandes das festas
O 17 de xullo comezarán oficialmente as festas co tradicional pregón, que nesta edición será pronunciado por destacados deportistas ponteses, nun recoñecemento á súa traxectoria, ao seu esforzo e aos valores que representan para a sociedade pontesa.
A continuación celebrarase o concerto do 40 aniversario de Duncan Dhu, con Mikel Erentxun á fronte, seguido dunha gran verbena coa Orquestra Panorama.
O 18 de xullo, festividade da Virxe do Carme, a xornada estará marcada polos pasarrúas dos grupos tradicionais da vila, o concerto da Banda de Música das Pontes, a sesión vermú con La Mecánica, os actos relixiosos, a tradicional procesión acompañada pola Banda de Música das Pontes e pola Banda de Gaitas da Escola Municipal, a actuación da Agrupación Coral das Pontes e un gran espectáculo piromusical. A noite rematará coa verbena das orquestras La Misión e Os Players.
Unha vez finalice a verbena, na madrugada do 18 ao 19 de xullo, iniciarase a elaboración da tradicional alfombra floral na honra da Virxe do Carme, que cubrirá o percorrido da procesión do domingo. O Concello das Pontes anima á veciñanza a participar nesta iniciativa colectiva, que cada ano reúne a numerosas persoas voluntarias e constitúe unha das tradicións máis representativas das Festas do Carme.
O 19 de xullo continuará a programación coa eucaristía, a procesión da Virxe do Carme, a ofrenda floral, a sesión vermú co Grupo Antha e a verbena protagonizada polas orquestras París de Noia e Os Satélites.
O 20 de xullo celebrarase a festividade de Santa María Madalena xunto ao Festival Internacional de Folclore, que reunirá agrupacións de Galicia, Alacante, México, Chile e Serbia, antes da verbena coas orquestras Origen e Olympus.
O 21 de xullo, a Praza de América acollerá o espectáculo “A historia da Verbena”, da Oca Band, mentres que o 22 de xullo a Avenida da Coruña converterase nun gran espazo de lecer infantil con inchables, xogos e festa da escuma.
A Fraga, broche final das festas
As Festas do Carme e A Fraga despediranse os días 24 e 25 de xullo coa celebración da Fraga, un dos grandes símbolos da identidade pontesa e unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
O venres celebrarase o Festival da Fraga, coas actuacións de Alana, Xosé Liz, Ortiga e Mekanika Roll in Band.
O sábado terá lugar a tradicional Romaría da Fraga, con misa campestre, sesión vermú amenizada por Festicultores, pasarrúas da Batukada Latexo e a actuación da Orquestra Triunfo, poñendo o broche final a máis de tres semanas de intensa actividade cultural, musical e festiva.
Lorena Tenreiro concluíu convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunhas festas que, segundo destacou, “representan o mellor das Pontes. Son unha celebración que fala da nosa identidade, da nosa capacidade para conservar as tradicións e, ao mesmo tempo, ofrecer unha programación moderna, diversa e de calidade. Agardamos que estas festas volvan ser un espazo de encontro, convivencia e orgullo colectivo, no que veciñanza e visitantes compartan o mellor do noso patrimonio, da nosa cultura e da nosa hospitalidade.”






































