As Pontes, 14 de xullo de 2026. O vindeiro 17 de xullo, ás 20:30 horas, o Parque Municipal converterase nun escenario de recoñecemento colectivo a todas aquelas persoas que, ao longo do ano, representan As Pontes a través da competición, o esforzo e a dedicación.
Deportistas procedentes de diferentes modalidades subirán ao escenario para poñer voz a un colectivo moito máis amplo: o formado por todas as persoas que adestran, compiten, forman parte dos clubs da vila, acompañan aos equipos e contribúen a que o nome do municipio estea presente en numerosos escenarios deportivos.
O pregón non será unha homenaxe individual, senón unha celebración do deporte pontés no seu conxunto. Os e as protagonistas serán unha representación simbólica dunha realidade diversa, na que conviven deportistas de distintas idades, disciplinas e niveis, desde as categorías de base ata os escenarios de maior esixencia competitiva.
A concelleria de Cultura apunta uqe “detrás de cada resultado hai unha historia que poucas veces aparece reflectida nunha clasificación. Hai horas de adestramento, quilómetros percorridos, sacrificios persoais, apoio familiar e unha maneira de entender o deporte baseada na constancia, no compañeirismo e na capacidade de superación. A coñecida frase atribuída a Pierre de Coubertin —“non se trata de gañar, senón de participar, de esforzarse e de dar o mellor dun mesmo”— resume o espírito dun pregón que quere poñer en valor non só os logros acadados, senón tamén o camiño percorrido por todas as persoas que levan consigo o nome de As Pontes”.
Doce historias que representan unha gran historia colectiva
As persoas encargadas de dar voz ao deporte pontés chegarán desde ámbitos moi diferentes. Cada unha delas achega unha traxectoria propia, pero todas comparten unha mesma idea: o orgullo de representar o municipio.
Antonio Polo encarna a relación histórica de As Pontes co deporte. Un nome unido á memoria colectiva da vila e ao piragüismo, modalidade á que dedica unha vida de compromiso, perseveranza e paixón, transmitindo valores que forman parte da identidade deportiva local.
Adair Legaspi representa a forza das novas xeracións e a evolución do deporte feminino. A súa progresión no fútbol sala, culminada coa convocatoria coa selección española sub-15, exemplifica como o talento, o traballo diario e a disciplina poden abrir novos camiños.
Sergio Peón simboliza a superación de barreiras e a liberdade de perseguir unha paixón deportiva sen límites nin etiquetas. A súa traxectoria na ximnasia rítmica é unha mostra de que o deporte responde ao esforzo e á dedicación por riba de calquera prexuízo.
Felipe Peña achega ao pregón a dimensión máis extrema do deporte. O raid de aventura, unha disciplina de enorme esixencia física e menta que pon á proba a resistencia, a preparación e a fortaleza psicolóxica dos seus participantes.
Antonio Otero representa o mundo do motor nas Pontes. A súa vinculación co automobilismo, construída desde a infancia e consolidada co paso dos anos, reflicte a presenza dunha modalidade cunha longa historia no municipio. O título acadado no Clio Ice Trophy é un dos fitos dunha traxectoria marcada pola paixón pola competición.
Darío Vivero representa o crecemento de novas disciplinas deportivas e a capacidade do deporte local para evolucionar, sumar novas modalidades e crear novos espazos de encontro. O pádel é un exemplo desa transformación
Paula Fornos pon rostro ao presente e ao futuro do rugby, unha modalidade baseada no compañeirismo, o respecto e o traballo colectivo, valores que tamén forman parte da formación das novas xeracións deportivas.
Esteban Díaz lembra que o deporte non entende de idades. A súa historia é a dunha persoa que decidiu afrontar novos retos demostrando que a ilusión, a constancia e as ganas de superarse non teñen límite.
Manuel Pellón representa o espírito de resistencia e superación do enduro, unha disciplina marcada polo esforzo, a técnica e a capacidade de afrontar cada reto. A súa traxectoria reflicte a paixón por un deporte esixente que leva o nome de As Pontes máis aló das súas fronteiras.
O pregón contará tamén coa presenza das familias de tres deportistas que forman parte da historia deportiva pontesa e que non poderán estar presentes por diversos compromisos profesionais e persoais.
A familia de Carmela Permuy recollerá o recoñecemento a unha traxectoria ligada ao baloncesto profesional e ao papel de quen abriu camiño para demostrar que desde As Pontes tamén era posible chegar aos grandes escenarios.
A familia de Malena Mieres representará o talento pontés no fútbol profesional e o crecemento do deporte feminino, nunha historia que conecta a formación local coa competición de alto nivel.
Tamén terá presenza a figura de Artemio Formoso, referente do tiro ao prato adaptado, como exemplo de inclusión, superación e capacidade para afrontar retos deportivos.
Un orgullo compartido
Desde o Concello das Pontes destacan que “a elección destes deportistas non pretende resumir todo o deporte pontés, senón poñer rostro a unha realidade moito máis ampla. Trátase dunha representación simbólica dun sentimento colectivo: o orgullo dunha vila que se recoñece no esforzo, na dedicación e nos valores de todas as persoas que, cada día, forman parte do seu tecido deportivo.
“Detrás destes rostros están todos os nenos e nenas que dan os seus primeiros pasos no deporte, todas as persoas que compiten cada fin de semana, todos os clubs que traballan durante o ano e todas as familias que acompañan, apoian e fan posible ese camiño. Casa adestramento, cada competición e cada logro levan consigo unha parte das Pontes. Unha identidade compartida que se constrúe co traballo de moitas persoas e que converte cada participación deportiva nun motivo de orgullo para todo o municipio” engaden desde o goberno local..


























