As Pontes, 7 de xullo de 2026 . O Concello das Pontes acolleu esta mañá a presentación da IV Carreira e Andaina Solidaria, unha iniciativa, organizada pola Asociación A Xanela, que volverá reunir á veciñanza arredor do deporte inclusivo e da solidariedade.
No acto participaron a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo; a concelleira de Deportes, Elena López; o presidente da Asociación A Xanela, Carlos Castro, e persoal técnico da entidade, encargado de presentar os detalles desta cuarta edición.
Durante a presentación, Tania Pardo puxo en valor o importante labor social que A Xanela desenvolve durante todo o ano e agradeceu o esforzo que supón organizar unha actividade destas características.
“A Xanela realiza un traballo imprescindible no noso concello e esta carreira é un exemplo máis do seu compromiso coa inclusión. É unha actividade que consegue unir deporte, convivencia e solidariedade, ao tempo que dá visibilidade ás persoas con diversidade funcional e ao labor que realiza a asociación. Desde o Concello queremos agradecerlles o seu traballo diario e animar a toda a veciñanza a participar e apoiar esta iniciativa”, sinalou.
Pola súa banda, Carlos Castro agradeceu o respaldo do Concello das Pontes, así como o apoio das empresas colaboradoras, do comercio local e das persoas voluntarias que fan posible a organización da proba. “Sen a colaboración das administracións, do tecido empresarial e das persoas voluntarias sería moi complicado sacar adiante un evento como este. Agradecemos profundamente ese apoio e convidamos a toda a cidadanía a acompañarnos nunha xornada na que o máis importante é compartir, participar e desfrutar”, indicou.
O persoal técnico da asociación explicou que a carreira terá lugar o domingo, con saída desde a rúa 8 de Marzo, e incorporará algunhas novidades respecto a edicións anteriores. A principal será a modificación do percorrido, integramente urbano, pensado para facilitar a participación do maior número posible de persoas.
A carreira absoluta contará cun percorrido de 5,4 quilómetros, mentres que a andaina será de 1,8 quilómetros, un trazado máis accesible para favorecer a participación de persoas de todas as idades e condicións.
O programa comezará ás 10:00 horas coas carreiras infantís. Ás 10:45 horas disputarase a carreira absoluta e, unha vez finalizada esta, dará comezo a andaina popular.
Outra das novidades desta edición será a eliminación das clasificacións competitivas. A organización aposta por reforzar o espírito inclusivo e solidario da actividade, polo que non se entregarán trofeos ás persoas máis rápidas. No seu lugar, todas as crianzas participantes recibirán unha medalla conmemorativa e realizarase un sorteo de diferentes agasallos entre as persoas inscritas mediante o número de dorsal.
As inscricións continúan abertas e poden formalizarse a través da plataforma Carreiras Galegas, na sede da Asociación A Xanela durante os días previos ao evento e tamén o propio domingo antes do inicio das probas.
A concelleira de Deportes, Elena López, destacou que iniciativas como esta demostran que o deporte é unha ferramenta para promover a igualdade de oportunidades e a participación de toda a cidadanía. “O deporte é moito máis ca competición. É convivencia, saúde e inclusión, e esta carreira representa perfectamente eses valores. Agardamos que a resposta da veciñanza sexa, un ano máis, exemplar”, apuntou.
Desde o Concello das Pontes quixeron agradecer, unha vez máis, o traballo diario de A Xanela, do seu equipo profesional, das persoas usuarias, das familias e do voluntariado, así como a implicación das empresas colaboradoras e do comercio local, fundamentais para facer realidade esta iniciativa.
O Goberno local anima á veciñanza das Pontes e da contorna a participar nesta cuarta edición da Carreira e Andaina Solidaria, unha cita que combina actividade física, convivencia e compromiso social e que se consolida como unha das actividades solidarias de referencia do calendario deportivo e asociativo do municipio.


























