As Pontes, 8 de setembro de 2022. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asinou onte en Madrid o protocolo do plan de Acción da Axenda Urbana coa ministra de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana Raquel Sánchez. Unha sinatura que formaliza a consideración da Axenda Urbana das Pontes como proxecto piloto e como unha boa práctica e experiencia transferible a outros municipios para a elaboracións dos seus respectivos plans de acción.

González Formoso apunta que esta sinatura ven a recoñecer o traballo desenvolto o Concello en materia de planificación de acordo aos obxectivos que marca a Axenda Urbana Española. “Como proxecto piloto que se nos recoñece, As Pontes e os seus proxectos de futuro sitúanse no punto de mira e como punta de lanza do conxunto de municipios que apostan por un desenvolvemento sostible, inclusivo, seguro e resiliente, en beneficio do conxunto da cidadanía” remarcou o edil local.

Así, a Axenda Urbana das Pontes suporá unha mellora na forma de planificar, deseñar, financiar e xestionar a vila, fixo fincapé o rexedor local ” unha folla de ruta que une desenvolvemento económico, aumento do benestar, aproveitamento dos recurso, preservación do medio ambiente, posta en valor do patrimonio, desenvolvemento tecnolóxico e cogobernanza, centrando os seus principais esforzos en combater o declive demográfico, afrontar un proceso de transición xusta, abordar a diversificación da actividade económica local e aproveitar o potencial dos recursos locais tanto forestais como agro gandeiros ou turísticos”.

Durante o acto, no que estiveron presentes o secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas así como os alcaldes, alcaldesas, presidentes, presidentas e outras autoridades delegadas de preto de 80 entidades locais das 121 que recibiron unha subvención europea para a elaboración dos proxectos piloto de Axenda Urbana, incluída no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España, subliñouse a importancia da Axenda Urbana como ferramenta para que o desenvolvemento urbano da cidade avance na senda da sustentabilidade, no respecto polo medio natural, a inclusión, a igualdade e accesibilidade universal.

Tamén se reivindicou o o papel da Axenda Urbana como unha ferramenta de planificación estratéxica que mellora a colaboración e coordinación entre administracións e que favorece unha maior coherencia das políticas públicas que inciden no territorio e afectan de maneira directa á calidade de vida da cidadanía, viva onde viva.

A Axenda Urbana trata de abandeirar unha nova visión do Urbanismo e, entre outros parámetros, contén un diagnóstico da realidade urbana e rural e un decálogo de obxectivos a conseguir, tales como ordenar o territorio e facer un uso racional do chan, conservalo e protexelo; evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente; previr e reducir os impactos do cambio climático e mellorar a resiliencia; facer unha xestión sostible dos recursos e favorecer a economía circular; potenciar a proximidade e a mobilidade sostible; fomentar a cohesión social e buscar a equidade ou impulsar e favorecer a economía urbana.