As Pontes, 12 de decembro de 2022. O concello das Pontes acollerá mañá unha xornada divulgativa, organizada polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas (CITOP) para dar a coñecer o papel fundamental da enxeñería na transición cara unha sociedade e unha economía máis sostible.

A xornada, que se celebrará a partir das 19:00 horas en Casa Dopeso, está enmarcada dentro da campaña de comunicación posta en marcha pola entidade, en colaboración coa Deputación da Coruña, para achegar aos concello, ás empresas e ás persoas emprendedoras aos fondos de recuperación económica, poñendo en valor o rol da enxeñería civil.

O encontro, estruturado en dous bloques, permitirá ao público asistente coñecer o papel da da enxeñería civil na recuperación económica e as competencias que as persoas profesionais deste sector poden achegar aos concellos e ao traballo levado a cabo polo CITOP como estrutura profesional velando polo coñecemento da profesión e a defensa do conxunto de persoas colexiadas.

Neste primeiro bloque participarán como relatores José Fernández Parajes, Decano da Zona de Galicia do CITOP; María Isabel Martínez Lage, primeira Directora da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Coruña e Rodrigo López Piquín, enxeñeiro Técnico de Obras Públicas coa Especialidade de Construcións Civís na Universidade da Coruña.

Na segunda parte, abordaranse os fondos de recuperación económica, en concreto os Fondos Next Generation EU para ofrecer ferramentas, tanto para a administración municipal como para as empresas, para acceder a este tipo de axudas europeas.

Neste bloque contarase coa participación de Juan Carlos Piñeiro, Vogal de Internacional de Rede Mundo Atlántico, Guillermo Taboada, Tesoureiro de Rede Mundo Atlántico e Raquel Piñeiro López, Técnica Oficina de Fondos Next Generation, entre outras persoas.