As Pontes, 13 de decembro de 2022. No marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello das Pontes profundou na consolidación dos dous espazos de gobernanza e participación cidadá en prol da igualdade entre mulleres e homes: a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e a Rede pola Igualdade das Pontes. En ambos espazos, a violencia sexual foi o tema estrela a abordar, como unha tipoloxía específica das violencias machistas.

Por unha banda, celebrouse un encontro da MLCI o mércores 23 de novembro, no que participaron as distintas administracións e servizos públicos con competencias na prevención, detección e intervención ante esta tipoloxía de violencias. Neste encontro informouse sobre a participación da directora do CIM, Carmen Rego, nunha xornada organizada pola Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia sobre diagnose e boas prácticas de Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional.

Neste sentido, a concelleira Tania Pardo indicou que “o feito de ser convidado o Concello das Pontes como unha das dúas experiencias a nivel provincial para ser exposta como boa práctica non é senón unha mostra dos traballos que se están a realizar na consolidación do órgano e da implicación das institucións que forman a Mesa”.

Así mesmo, boa parte do encontro foi dedicado ás violencias sexuais, por tratarse dunha tipoloxía de violencias que, en palabras da Concelleira de Igualdade Tania Pardo, “é necesario afondar na súa prevención, detección e intervención, xa que seguen predominando ideas ao redor da culpabilización da vítima”.

A este respecto, cada unha das Administracións e servizos públicos implicados realizaron unha diagnose sobre a situación no eido destas violencias dende o seu ámbito de actuación e o seu tratamento. Manifestouse que as violencias sexuais presentan maiores dificultades de detección en comparación con, por exemplo, as violencias de tipo físico ou psicolóxico, xa que segue sendo percibida como unha situación do ámbito privado, especialmente cando se producen no seo dunha parella. Tamén se perciben maiores dificultades para que as denuncias prosperen, o cal explica o baixo índice de denuncia. En definitiva, unha idea que xerou consenso consistiu na necesidade de ampliar a formación neste eido aos e ás profesionais que forman parte destas administracións e servizos como forma de garantir unha óptima resposta ante os casos que se poidan producir no municipio.

O mércores 30 de novembro tivo lugar unha xornada aberta da Rede pola Igualdade, a cal versou sobre os recursos e programas especializados en violencias sexuais. Con este acto, a Rede, concibida como un espazo de reflexión e debate cidadá e creada recentemente (o 27 de setembro deste mesmo ano), avanza no seu fortalecemento.

A xornada, aberta a toda a cidadanía, tivo por finalidade dar a coñecer en que consisten as violencias sexuais, así como os programas e recursos impulsados dende a Administración Pública e dende diversas entidades para a súa prevención, detección e intervención.

Así, contou coas intervencións de José María Bastida, compoñente do Equipo VIOGEN da Garda Civil de Ferrol; María Isabel Álvarez, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno na Coruña, e de Xema Cabana, directora técnica da Fundación Meniños que expuxeron o seu labor no eido das violencias sexuais, así como os diferentes recursos e programas cos que contan e que están a disposición da cidadanía.

Nesta xornada incidiuse en diversas ideas clave, como son a importancia da protección da vítima e a reparación do dano sufrido, así como a prevención de novos casos de violencias sexuais a través da concienciación ao respecto do dereito á liberdade sexual de todas as persoas.

No peche deste acto, Tania Pardo destacou que “as violencias sexuais son un fenómeno frecuente, pois en España un 13,7% das mulleres teñen algún tipo de violencia sexual na súa vida (segundo a macroenquisa de violencia sobre a muller do 2019 realizada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero), sendo preciso desbotar a idea de que este tipo de violencia só acontece entre persoas descoñecidas e en contextos moi determinados, como é o ocio nocturno; pois a realidade é que o agresor con certa frecuencia é unha persoa coñecida pola vítima (a súa parella, un familiar ou un amigo) e en case a metade das ocasións sucede nun espazo privado, principalmente nunha vivenda.

Con estas accións, dende o Concello das Pontes preténdese potenciar a prevención, detección e as futuras intervencións das violencias sexuais.