As Pontes, 14 de decembro de 2022. O Concello das Pontes sacou a licitación as obras de mellora dos camiños no lugar de Vilarmaior e do Bidueiro, na parroquia de San Xoán do Freixo, actuacións cun orzamento de 73.229 euros con cargo á Deputación da Coruña.

Os traballos que se levarán a cabo no camiño de Vilarmaior, acceso principal aos núcleos da Rega, o Vilar, O Serrón e Vilarmaior, entre outros, permitirán continuar coa mellora da seguridade viaria, executando unha nova fase nun tramo de máis de 600 metros.

As obras previstas no vial do Biudeiro, que enlaza os núcleos das Lamelas, Merlán a Casa da Bouza e o Caxete coa estrada de titularidade autonómica AC 101, permitirán levar a cabo unha primeira fase de mellora do viario, nunha sección de máis de 600 metros.

Ambas actuacións inclúen a limpeza das cunetas en ambas marxe do viario e o reperfilado das mesmas así como o estendido dunha capa de saburra para evitar o chanzo producido polo recrecido do firme.

Así mesmo contémplase o recrecemento do firme existente con aglomerado asfáltico de 5 cm de espesor e o pintado das marxes para mellorar a sinalización horizontal.