As Pontes, 12 de xuño de 2024.– O Club Deportivo As Pontes, co respaldo do Concello das Pontes, presentou ante os medios a segunda edición da As Pontes Cup de fútbol 11 en categorías cadete e infantil e que, os días 15 e 16 de xuño, se vai disputar nos campos do Poboado das Veigas.
A concelleira de Deportes, Elena López; xunto co presidente do CD As Pontes, Xaime Castro, foi a encargada de presidir a presentación oficial dunha competición na que se van dar cita máis de 600 rapaces e rapazas en categoría infantil e cadete, procedentes de 24 clubs das catro provincias galegas e incluso de Asturias.
A edil agradeceu o gran traballo que se realiza ao longo de todo o ano dende o club pontés, en prol do fomento da canteira, un agradecemento que quixo estender a colaboradores e familias.
Elena López recalcou a satisfacción que “supón para un concello contar con clubs deste nivel, que respaldan o deporte dende a base e ofreceu, unha vez máis, o apoio do executivo local para continuar con esta labor.” Asemade, a concelleira animou a veciños e veciñas a gozar desta cita da fin de semana e na que, segundo adiantou, entre xogadores, corpos técnicos e familiares serán máis de 1.400 persoas que cheguen a As Pontes desde diferentes puntos de toda Galicia e de Asturias.
Pola súa parte, o presidente Xaime Castro asegurou que “este tipo de convocatorias son o broche de ouro para unha nova tempada deportiva”. Castro asegurou que competicións coma a desta fin de semana axudan a dar a coñecer ao municipio por toda Galicia e é que, tal e como apuntou, “non se entende a As Pontes sen o seu club de fútbol “.
O presidente asegurou que desde esta entidade se traballa sempre con honradez e cunha máxima: que non quede ningún neno ou nena sen poder xogar ao fútbol nas Pontes, de aí que este ano se optase por dobrar equipos en diferentes categorías coa fin de acoller a todos os pequenos e pequenas.
Ademais de López e Castro, nesta presentación tamén se contou cos directores deportivos tanto do torneo desta fin de semana, Iván Rodríguez e Rubén Rivas, director do VII Torneo de Fútbol 8 Vila das Pontes, que terá lugar os días 22 e 23, tamén no Poboado das Veigas, pero en categorías alevín, prebenxamín e biberón.
Iván Rodríguez adiantou que nesta segunda As Ponte Cup está previsto que participen equipos de base do Real Oviedo e do Quirinal ao que se sumarán conxuntos das canteiras futbolísticas máis importantes de Galicia coma o Ural, o Montañeros, o Compostela ou o Clube Deportivo Lugo.
Rodríguez fixo fincapé na boa acollida que, en 2023, tivo esta convocatoria e que se repetiu nesta edición, con inscricións esgotadas en moi poucos días. O director deportivo da proba explicou que na súa estrea o pasado ano, os clubs participantes quedaron moi satisfeitos pola calidade da competición, os campos de xogo e o bo ambiente, de aí que dende o CD As Pontes se animasen a repetir convocatoria e, neste ano, subir o nivel dos clubs participantes.
De feito, a organización conta con que se xoguen preto de 150 encontros entre as dúas categorías, en tres campos de xeito simultáneo, con fases de grupos e un mínimo de cinco encontros por equipo.
En canto aos horarios, o sábado os primeiros partidos están programados para as 10.00 horas, coas semifinais ás 19.00 e a final ás 20.00 horas. O domingo, xornada na que participarán os equipos cadetes, os primeiros choques arrincarán ás 09.30 horas, coa fase de grupos, namentres que as semifinais están marcadas para as 18.30 horas e a final para as 19.15 horas.