As obras forman parte dun plan progresivo de rehabilitación do vial iniciado coa primeira fase en 2022, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos servizos urbanos, seguindo os estándares e a estética empregados na primeira intervención.
A execución da obra inclúe unha reordenación completa do tráfico, establecendo un sentido único de circulación para resolver os puntos conflitivos provocados polo estreitamento da vía e optimizando o estacionamento en paralelo.
As beirarrúas serán totalmente renovadas con baldosas de formigón, eliminando desniveis e garantindo a accesibilidade segundo a normativa vixente, mentres que a calzada se axustará cunha nova capa de aglomerado en quente, tamén sobre unha solera de formigón que asegura estabilidade e durabilidade.
Ademais, realizarase a instalación dun novo sistema de saneamento separativo, diferenciando augas pluviais e fecais, conectando cada edificación coas acometidas oportunas e mantendo en uso os colectores existentes en bo estado.
O proxecto contempla tamén a modernización do alumeado público, co levantamento dos farois existentes e a instalación de nove novos báculos con luminarias LED de alta eficiencia, garantindo unha iluminación óptima para vehículos e peóns, así como a conexión segura á rede eléctrica existente.
No ámbito da urbanización, realizaranse a reposición da sinalización horizontal e vertical, a colocación de mobiliario urbano que inclúe bancos, papeleiras e xardineiras, e a limpeza final da obra.
Tamén se definirán as prazas de estacionamento público, incluíndo unha praza adaptada para persoas con mobilidade reducida, e reporase a pintura viaria sobre o novo aglomerado.
O tramo a intervir ten aproximadamente 140 metros de lonxitude e abrangue unha superficie de 1.420 m², completando a urbanización da rúa ata a súa conexión coas rúas Antonio Machado e Ronda do Poboado, garantindo un espazo máis seguro, accesible e funcional para a veciñanza.