As Pontes, 23 de xuño de 2026. O Concello das Pontes acolleu hoxe, no salón de plenos, a presentación oficial do Triatlón Lago das Pontes 2026, unha nova iniciativa deportiva que se celebrará o vindeiro domingo 28 de xuño no entorno do lago e que se incorpora por primeira vez ao calendario galego de triatlón.
No acto participaron representantes do Concello das Pontes, da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno e do Club TriArteixo–AceadeAma, entidade organizadora da proba, que explicaron os detalles dun evento que nace con vocación de continuidade e coa vontade de consolidar o lago como escenario de referencia para o triatlón en Galicia.
A concelleira de Deportes, Elena López, destacou que “estamos moi felices de que As Pontes volva ser escenario dun evento de tríatlon. O noso lago é un espazo privilexiado e queremos que siga acollendo probas que teñen moitísima afección e que atraen tanto a deportistas como a público”, engadindo que “este tipo de competicións supoñen unha oportunidade para dinamizar o municipio e poñer en valor un entorno único como o noso lago”.
Así mesmo, a edil salientou a satisfacción por recuperar esta disciplina no municipio e o potencial do entorno natural do lago para acoller competicións deportivas de primeiro nivel así como a importancia do traballo conxunto entre administración, federación e o club organizador para facer posible unha proba destas características.
Pola súa banda, a organización destacou que a proba contará con dúas distancias, media distancia e distancia olímpica, ambas en formato sen drafting, o que incrementa a esixencia e a espectacularidade da competición. A participación estará aberta tanto a deportistas individuais como a relevos, cunha elevada resposta nas inscricións, que superan xa os centos de participantes, incluíndo arredor de 200 na distancia olímpica e máis de 120 na media distancia, ademais de equipos de remudas.
O percorrido desenvolverase no entorno do propio lago e vías próximas. A natación realizarase no lago, con saída desde a praia; o segmento de ciclismo discorrerá por un circuíto que se estende cara ás zonas limítrofes do municipio e ata o límite co concello de Xermade; e a carreira a pé completarase ao redor do lago, cunha meta situada na zona de transición.
Durante a presentación tamén se puxo en valor a ampla colaboración institucional e loxística que fai posible a proba, coa implicación do Concello, da Federación, de empresas colaboradoras e dun dispositivo formado por máis de 40 persoas voluntarias, ademais de Policía Local e Protección Civil. A organización subliñou que se trata dun evento que require meses de traballo e coordinación entre diferentes administracións e servizos.
Ademais da competición, o evento contará con actividades complementarias no entorno do lago, con música en directo, DJ e zona gastronómica, co obxectivo de crear un ambiente festivo e aberto á participación da veciñanza durante toda a xornada.
Cortes de tráfico
Con motivo da celebración da proba, o domingo 28 de xuño estableceranse cortes de tráfico entre as 08:00 e as 14:00–15:00 horas aproximadamente na estrada que conecta o entorno do lago coa Avenida de Galicia e o eixo en dirección a Xermade. Durante ese período non se permitirá a circulación de vehículos no tramo afectado, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas participantes e do público.
A organización pediu comprensión á veciñanza polos posibles inconvenientes derivados do dispositivo e agradeceu a súa colaboración. O Concello recomenda planificar os desprazamentos con antelación, empregar rutas alternativas e seguir en todo momento as indicacións dos servizos de seguridade.



























