As Pontes, 23 de xuño de 2026. O Concello informa da apertura dun novo prazo para a presentación de novas solicitudes de participación no Programa de Turismo do Imserso para a tempada 2027, que permanecerá aberto  ata o 10 de xullo.

As persoas que xa se atopan acreditadas no programa non precisarán realizar unha nova solicitude, xa que recibirán nos seus domicilios as cartas de renovación acompañadas dos impresos necesarios para comunicar posibles modificacións dos seus datos.

O Programa de Turismo do Imserso está dirixido a persoas residentes en España que sexan pensionistas de xubilación do sistema da Seguridade Social española; pensionistas de viuvez con 55 anos ou máis; pensionistas por outros conceptos da Seguridade Social ou persoas perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego con 60 anos cumpridos; así como titulares ou beneficiarios do sistema da Seguridade Social con 65 anos ou máis. Tamén poderá participar como acompañante o cónxuxe ou parella de feito da persoa solicitante, aínda que non cumpra os requisitos de idade ou pensión establecidos.

As persoas participantes deberán valerse por si mesmas e non padecer alteracións de comportamento que impidan a convivencia normal nos establecementos hoteleiros.

O programa inclúe a viaxe de ida e volta no medio de transporte programado desde a capital de provincia ata o hotel de destino e o regreso, agás na modalidade de viaxes sen transporte; aloxamento en réxime de pensión completa en habitación dobre compartida nos hoteis seleccionados polo Imserso; póliza de seguro colectiva; servizo médico complementario da Seguridade Social no propio hotel; e un programa de animación sociocultural. Existe tamén a posibilidade de solicitar habitación individual, suxeita á dispoñibilidade de prazas e cun suplemento no prezo.

No caso das modalidades de Turismo de Natureza e Circuítos Culturais, dadas as súas características específicas, non se inclúen nin o servizo médico nin o programa de animación sociocultural.

As persoas interesadas poden obter máis información e tramitar as súas solicitudes a través da páxina web do Imserso ou nos Servizos Sociais do Concello, en horario de mañá. Para ser atendidas será necesario solicitar cita previa chamando ao teléfono 981 441 008.