As Pontes, 7 de maio de 2026.- O Auditorio Cine Alovi das Pontes abrirá mañá as portas da primeira edición de PULSO, un novo festival que nace coa vontade de converterse nun punto de encontro arredor do jazz contemporáneo e da creación musical galega máis singular e arriscada. A cita arrancará cunha primeira xornada protagonizada por dúas propostas que dialogan coa tradición desde linguaxes abertas, delicadas e profundamente persoais.

A programación inaugural comezará ás 20:30 horas con Copos de Avena, un cuarteto formado por Gloria Pavía (voz), Yudit Almeida (contrabaixo e voz), Iago Marta (guitarra) e Héctor Agulla (batería), que explora a herdanza da música latinoamericana desde a liberdade do jazz. O grupo revisita boleros, bossa nova e repertorio contemporáneo creando unha ponte entre tradición e vangarda na que conviven referencias clásicas e artistas actuais como Silvia Pérez Cruz, Rita Payés, Natalia Lafourcade ou Jorge Drexler.

A continuación chegará un dos encontros máis especiais desta primeira edición: o directo compartido por Abe Rábade & Antía Muíño. O pianista, unha das figuras máis recoñecidas do jazz estatal, e a artista, unha das voces máis brillantes da nova creación galega, presentarán un universo sonoro no que conflúen canción de autora, jazz e música tradicional galega. Piano, voz, guitarra e pandeireta constrúen unha proposta íntima e sensible que nace do recente lanzamento de Vente vindo / Eu en ti, o seu EP conxunto de dobre cara no que condensan as súas sensibilidades. Antía abrázase á súa guitarra e ao piano de Abe, co que leva anos colaborando en decenas de directos, para presentar este traballo que é un canto á delicadeza.

PULSO continuará o sábado 9 de maio coa actuación da Orquestra Galega de Liberación, formación dirixida por Xacobe Martínez Antelo que traballa coa improvisación dirixida e a técnica do soundpainting, convertendo cada concerto nunha experiencia irrepetible.

O festival está organizado polo Concello das Pontes, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e producido por Luneda Producións.