As Pontes, 4 de xullo de 2024. A concelleira de Industria Ana Pena acompañada da Directora Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e
Igualdade da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, visitaba as antigas instalacións do colexio Monte Caxado, para coñecer de primeira man o desenvolvemento das accións
formativas que se están a impartir para os traballadores destinados ás tarefas de
desmantelamento da central térmica das Pontes.
Estas accións formativas parten dun convenio asinado polo Concello das Pontes,
a Xunta de Galicia e a empresa ENDESA; neste convenio, o Concello das Pontes
asume o aporte das instalacións nas que se desenvolve a formación, mentres que
ENDESA aporta a parte docente, e a Xunta de Galicia a xestión do alumnado.
O programa consta de catro edicións do curso de desmantelamento de
instalacións industriais, de 200 horas de duración, e podendo cursar ata un
máximo de 50 persoas por edición.
O primeiro módulo deste curso que comezaba o luns 1 de xullo constará de 60
horas de formación teórica en prevención de riscos laborais, que permitirá aos
asistentes que o rematen obter o certificado da Fundación Laboral da
Construción, para actuar como recurso preventivo básico.
A continuación, impartirase o segundo módulo, de formación teórico-práctica en
tarefas relacionadas co desmantelamento: traballos de demolición (40 horas
certificadas pola Fundación Laboral da Construción), risco eléctrico (8 horas
certificadas pola Fundación Laboral da Construción), desmontaxe de andamios,
manexo de retroexcavadoras e traballar en espazos reducidos, entre outros.