As Pontes, 18 de xuño de 2026. A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Maca Rego, participaron no acto de clausura e entrega de diplomas dunha nova edición do Obradoiro de Memoria, unha iniciativa organizada polo Concello das Pontes en colaboración coa Asociación de Viúvas das Pontes.
O acto celebrouse ao peche deste programa municipal, no que participaron máis dunha vintena de mulleres con idades comprendidas entre os 45 e os 85 anos. Durante os últimos nove meses, as asistentes traballaron de forma semanal en diferentes actividades e exercicios deseñados para estimular e manter activas as capacidades cognitivas, con especial atención á memoria, á concentración, á atención e á aprendizaxe.
O Obradoiro de Memoria consolídase como unha das propostas máis asentadas dentro das políticas municipais de envellecemento activo, cunha traxectoria ininterrompida desde o ano 2011. O seu principal obxectivo é contribuír á mellora da calidade de vida das participantes, favorecendo o mantemento das súas capacidades cognitivas e promovendo hábitos saudables que axuden a preservar a autonomía persoal o maior tempo posible.
Ademais dos beneficios individuais, o programa cumpre unha importante función social ao favorecer a convivencia, a participación activa e a creación de espazos de relación entre mulleres de distintas idades. Estas dinámicas contribúen tamén a combater o illamento social e a reforzar as redes de apoio mutuo dentro da comunidade.
Durante o acto, as participantes recibiron os seus diplomas como recoñecemento ao traballo realizado ao longo do curso, nun ambiente marcado pola emoción e pola valoración positiva da experiencia compartida.
A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, destacou a importancia de dar continuidade a este tipo de iniciativas que poñen no centro o benestar das persoas maiores e o seu papel activo na sociedade. “Este obradoiro é moito máis que unha actividade formativa; é un espazo de encontro, apoio e crecemento persoal para moitas mulleres do noso concello. Apostamos por programas que poñan no centro o benestar emocional e mental das persoas e que lles permitan seguir activas, conectadas e valoradas dentro da nosa comunidade”, sinalou.

























