As Pontes, 2 de xullo de 2026. O Concello das Pontes destinará 35.000 euros á convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar correspondente ao curso 2026-2027, unha iniciativa dirixida a apoiar ás familias do municipio e favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación.

Poderán acceder a estas axudas o pai, nai ou persoa titora legal do alumnado empadroado e con residencia efectiva no Concello das Pontes que estea matriculado durante o curso 2026-2027 en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP Básica, Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior ou Conservatorio Profesional de Música.

Como requisito económico, a renda anual da unidade familiar non poderá superar os 22.500 euros, límite que se incrementará en 2.500 euros por cada fillo ou filla a partir do terceiro nas familias numerosas.

As contías das axudas varían en función da etapa educativa, establecéndose en 30 euros para o alumnado de Educación Infantil de 0 a 3 anos; 100 euros para Educación Infantil de 3 a 6 anos, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria; 80 euros para FP Básica; 140 euros para Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior; 40 euros para o alumnado do Conservatorio de Grao Elemental e 60 euros para o Conservatorio de Grao Profesional.

As achegas económicas poderán destinarse á compra de libros de texto, libros de lectura, material escolar, material informático (ordenadores, tabletas e outros dispositivos) e material específico para os estudos de música, como partituras ou consumibles para instrumentos.

As solicitudes poderán presentarse desde o 3 de xullo ao 31 de xullo de 2026, ambos incluidos, a través do Rexistro Xeral do Concello, con cita previa, ou a través da sede electrónica municipal. Ademais, habilitarase un prazo extraordinario entre o 21 e o 30 de setembro para o alumnado que deba formalizar a súa matrícula en setembro

As axudas concederanse mediante un procedemento de concorrencia non competitiva e avaliación individualizada, atendendo ao cumprimento dos requisitos establecidos nas bases reguladoras. No caso de que o crédito inicial resulte insuficiente, o Concello poderá amplialo e, de ser necesario, establecerase como criterio de prioridade a renda da unidade familiar e a orde de presentación das solicitudes.

O pagamento realizarase mediante un vale canxeable nos establecementos colaboradores adheridos ao programa, que poderá empregarse para a adquisición do material subvencionable ata o 30 de novembro de 2026. Posteriormente, os comercios presentarán a correspondente xustificación ante o Concello.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación, María Tania Pardo Cabarcos, destaca que “estas axudas supoñen un importante apoio para as familias das Pontes nun momento no que o inicio do curso implica un importante esforzo económico. Ademais de favorecer a igualdade de oportunidades entre o alumnado, esta iniciativa contribúe tamén a dinamizar o comercio local, xa que os vales deberán canxearse nos establecementos colaboradores do municipio”.

As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP nº 119, do 26 de xuño de 2026): ver

Modelo solicitude: descargar