As Pontes, 1 de xullo de 2026. O Pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe, en sesión ordinaria, o orzamento municipal para o exercicio 2026, que ascende a 16.025.405,42 euros e se presenta equilibrado en ingresos e gastos.
As contas municipais enmárcanse nun escenario de profunda transición económica tras o peche da central térmica e a conseguinte perda de ingresos asociados á actividade industrial, un cambio estrutural que condiciona a capacidade financeira do Concello e obriga a afondar nunha xestión máis rigorosa, prudente e eficiente dos recursos públicos.
Neste contexto, o goberno local subliña a necesidade de reforzar o control do gasto e de priorizar a continuidade dos servizos públicos esenciais como eixo central da acción municipal. Así, o grupo de goberno destaca que o orzamento de 2026 “consolida unha liña de estabilidade financeira nun momento complexo, garante os servizos públicos fundamentais e adapta a estrutura do Concello ao novo escenario económico, co obxectivo de asegurar a continuidade das políticas de benestar, educación, conciliación e cohesión social no noso municipio”.
Estrutura económica do orzamento: capítulos de gasto e financiamento
O orzamento estrutúrase nos distintos capítulos de gasto, que recollen o funcionamento integral da administración local. En primeiro lugar, o capítulo I, de gastos de persoal, ascende a 6.447.788,71 euros e recolle tanto as retribucións do persoal municipal como a adaptación á Relación de Postos de Traballo e ás obrigas derivadas da estrutura organizativa. A continuación, o capítulo II, de gastos correntes en bens e servizos, sitúase en 8.341.442,63 euros e constitúe o de maior peso do orzamento, xa que financia a prestación ordinaria dos servizos públicos municipais: mantemento de vías e infraestruturas, subministracións, limpeza, contratos de servizos, funcionamento de instalacións e atención ás necesidades operativas do conxunto da administración local.
Por outra banda, o capítulo III, relativo aos gastos financeiros derivados da xestión da débeda municipal, ascende a 30.000 euros. Así mesmo, o capítulo IV, de transferencias correntes, recolle subvencións, achegas a entidades e colectivos sociais, culturais e deportivos, así como contribucións a organismos e programas de interese público, cun importe próximo aos 992.000 euros.
En canto ao capítulo VI, de investimentos reais, ascende a 98.090,48 euros e inclúe actuacións puntuais de mellora e reposición de infraestruturas e equipamentos municipais. Por outra parte, o capítulo VII, de transferencias de capital, sitúase en 55.720 euros. Finalmente, o capítulo VIII, de activos financeiros, ascende a 60.000 euros e recolle operacións financeiras como anticipos ao persoal municipal.
Por áreas de gasto, o orzamento de 2026 mantén como eixos prioritarios os servizos públicos básicos, a protección e promoción social, a educación, a cultura, a sanidade e o deporte, así como actuacións de carácter económico vinculadas á industria, ao comercio e ao turismo.
En termos globais, destínanse 3.967.770,55 euros a servizos públicos básicos (seguridade e mobilidade, vivenda e urbanismo, benestar comunitario e medio ambiente); 3.043.948,13 euros a protección e promoción social (emprego, servizos sociais e promoción social); 4.284.544,70 euros á produción de bens públicos de carácter preferente (sanidade, educación, cultura e deporte); 802.242,19 euros a actuacións de carácter económico; e 3.926.899,85 euros a actuacións de carácter xeral.
Por programas de gasto, destacan especialmente os servizos sociais e promoción social, con 2.767.810,07 euros; a educación, con 1.291.974,75 euros; a cultura, con 1.894.335,59 euros; e o deporte, con 1.051.316,86 euros.
No ámbito dos servizos básicos, sobresae o investimento en abastecemento de auga (592.000 euros), saneamento (592.000 euros), recollida de residuos (364.335 euros), xestión de residuos sólidos urbanos (286.699,44 euros), alumeado público (640.548,46 euros), limpeza viaria (286.699,44 euros), parques e xardíns (127.457,30 euros) e seguridade e orde pública (128.415,39 euros), entre outros.
Suplemento de crédito para deporte
No mesmo Pleno aprobouse un suplemento de crédito por importe de 214.000 euros destinado a reforzar a partida de promoción do deporte e as subvencións a entidades deportivas, co obxectivo de atender gastos xa comprometidos e garantir o desenvolvemento das actividades previstas no municipio.
Recoñecemento de obrigas e xestión económica
O Pleno aprobou tamén dun expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 77.640,55 euros, destinado ao pagamento de facturas de exercicios anteriores. Este mecanismo permite dar cobertura a gastos xa executados, evitar situacións de enriquecemento inxusto e garantir a continuidade dos servizos municipais.
Relación de Postos de Traballo e reorganización municipal
O Pleno aprobou inicialmente unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT),aprobada en decembro de 2025, que inclúe a amortización de tres postos como parte dun proceso de reestruturación interna orientado á adaptación dos recursos humanos á nova realidade económica do municipio.
A modificación incorpora a regularización de complementos retributivos con efectos desde o 1 de xaneiro de 2026, correccións técnicas do manual de organización e axustes na valoración de postos. O expediente someterase a exposición pública antes da súa aprobación definitiva.
Adxudicación da Escola Infantil Municipal A Barosa
A corporación municipal aprobou tamén a adxudicación do servizo da Escola Infantil Municipal A Barosa á empresa Vienco Galicia, SL, tras o correspondente proceso de licitación.
O contrato, cunha duración inicial de tres anos prorrogables, garante a xestión integral do centro de educación infantil municipal, destinado a nenos e nenas de 0 a 3 anos, consolidando un servizo estratéxico dentro das políticas de conciliación e apoio ás familias.
A proposta adxudicataria obtivo a maior puntuación global, con 66 puntos fronte aos 56,63 da outra licitadora, tras a valoración dos criterios técnicos e económicos. A oferta inclúe un proxecto educativo completo, con atención á diversidade, igualdade de xénero e adaptación progresiva dos menores, así como un programa de actividades complementarias.
Entre as melloras incorporadas destacan a planificación de servizos de comedor e limpeza con protocolos específicos, a organización de obradoiros de verán e actividades para familias, así como medidas de apoio á conciliación e á participación da comunidade educativa. O contrato ten un prezo anual de 572.992,31 euros.
Festivos locais para 2027
Finalmente, aprobáronse os festivos locais para 2027, que serán o 9 de febreiro, Martes de Entroido, e o 19 de xullo, festividade do Carme.

























