As Pontes, 31 de maio de 2024. “As Pontes Ecuestre” regresa ao calendario deportivo local cunha versión mellorada, e onte a casa consistorial acollía o acto de presentación oficial, onde se avanzaban algunhas das principais novidades desta segunda edición.

No acto participaban a concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco; o director do certame, Federico Pérez Lago; a presidenta do Club Hípico Prado Ventura, Natividad González Laso, e a súa técnica hípica, Noa García.

Promovido polo centro ecuestre pontés co apoio do Concello e da Federación, o evento celebrarase o domingo 9 de xuño na contorna do complexo do lago, e a expensas de pechar matrículas, este ano gratuítas para favorecer a participación, a organización confía en mellorar os rexistros de 2023.

Precisamente, unha das novidades pode converterse nun dos principais acicates para conseguilo. Así, o concurso de salto de obstáculos eleva a súa categoría, converténdose nunha proba de carácter autonómico, o que en termos hípicos se denomina Concurso de Saltos Territorial (CST), con maior poder de convocatoria.

Ademais, reeditaranse tamén as probas dos campionatos de andadura e de enganche, e apostarase pola celebración dun torneo triangular de horseball -baloncesto a cabalo-. Trátase doutra das novidades da edición, unha disciplina moi espectacular e divertida para o público, que se disputa entre equipos de cinco xinetes e amazonas, con carácter mixto, como todas as probas hípicas nas que mulleres e homes compiten en condicións de absoluta igualdade.

Todas as competicións terán carácter exclusivamente federado, e serán xulgadas por oficiais habilitados pola Federación Hípica Galega.

BAUTISMOS HÍPICOS

Dirixidos ao público en xeral, e aos máis pequenos e pequenas da casa en particular, “As Pontes Ecuestre” promoverá bautismos hípicos. Nun percorrido habilitado pola organización, nenos e maiores poderán iniciarse neste deporte coa axuda do equipo de Prado Ventura. A participación será de balde, con inscrición na mesma xornada do evento, en horario de tarde.

Nesta liña, Federico Pérez Lago destacou a gran tradición e afección polo mundo do cabalo nas Pontes, así como as magníficas condicións do complexo do lago para acoller este tipo de probas: “trátase dun marco ideal, tanto pola contorna como pola amplitude de espazos e a natureza do terreo, condicións que facilitan moito a loxística, seguridade e comodidade de participantes e público”.

Pola súa banda, a presidenta de Prado Ventura agradeceu o apoio brindado polo Concello das Pontes para facer posible o evento, así como a colaboración da Federación. Un evento que, engadiu, busca un dobre obxectivo: poñer en valor este deporte, e situar a As Pontes como un dos referentes hípicos en Galicia.

Noa García lembrou tamén que as matrículas nas diferentes probas continuarán abertas ata o 1 de xuño, así como que o trámite pode realizarse a través do teléfono 616 101 655. No caso da proba de andadura, xinetes e amazonas poderán anotarse tamén a pé de pista, unhas horas antes do seu inicio.

Pechando o acto, a concelleira de Turismo e Deportes, Elena López Seco, convidaba á cidadanía a achegarse ao complexo do lago e gozar do evento como público e mesmo participante, a través dos bautismos hípicos. Un evento, subliñou, no que o deporte volverá actuar de embaixador turístico da localidade.

 

-09:00 H: Recepción de participantes

-11:00-14:30 e de 15:30 a 17:00 H: Concurso de Saltos Territorial

-11:00-14:30 e de 15:30 a 19:00 H: Campionato Galego de Andadura

-17:00-19:00 H: Campionato Galego de Enganche

-17:00-19:00 H: Torneo triangular Horseball

-19:00 H: Entrega de premios e clausura