As Pontes, 04 de xuño de 2024.- O lago de As Pontes será escenario o sábado da segunda edición do circuíto XCO Vila das Pontes de bicicleta de Montaña.
O club pontés Terras do Eume, co respaldo do departamento municipal de Deportes, volveu deseñar un circuíto espectacular e que, ademais vai ter a peculiaridade de que se vai poder desfrutar ao longo de todo o ano para os que se pasen polo lago pontés. Unha proba á que se sumará tamén a segunda edición da Mini Btt Terras do Eume, en categoría benxamín, principiante, promesas e alevín, e que tamén se disputa na xornada do sábado.
Neste sentido, a concelleira Elena López recalcou o gran traballo e esforzo do club pontés á hora de darlle vida a este percorrido ateigado de moitas novidades e obstáculos, con respecto ao circuíto de 2023, e que ao seu xuízo vai converter esta proba en todo un referente deste deporte a nivel galego.
López amosou o seu convencemento de que esta cita , xunto con outros eventos deportivos de gran nivel que se están a realizar no lago, permiten posicionar este escenario natural no mapa das grandes convocatorias deportivas, en modalidades que van dende a natación, a hípica, o ciclismo, a vela ou o piragüismo. A edil quixo agradecer o importante papel que xogan os clubs ponteses neste tipo de promoción xa que, co seu esforzo e entrega están convertendo a As Pontes en todo un referente a nivel nacional e autonómico en todo tipo de disciplinas deportivas.
Elena López aproveitou para convidar á veciñanza de todas as idades e aos visitantes a desfrutar desta xornada e tamén dun entorno que ten tanto que ofrecer como é o lago pontés.
Unha invitación á que tamén se sumaron dende o club organizador. O seu vicepresidente José Antonio Prieto animou a todos os ponteses e pontesas a achegarse o sábado ata o lago para desfrutar deste circuíto e, en especial aos nenos e nenas, aos que convidou a anotarse no circuíto infantil e, deste xeito, probar esta disciplina.
José Antonio Prieto fixo especial fincapé na necesidade de achegar esta modalidade deportiva ao público máis novo coa fin de crear unha boa canteira que se sume aos corredores locais e que xa compiten, a día de hoxe, por toda Galicia.
Con respecto ás novidades que presenta o circuíto para esta edición, Prieto adiantou que se modificaron e introduciron novos obstáculos cos que se porá a proba a pericia e destreza dos ciclistas máis experimentados. En canto ao percorrido serán catro quilómetros cunha gran esixencia técnica e física e onde, segundo as previsións, se agarda contar cuns 300 corrredores entre as categorías Elite, Master, Sub 23, Junior, Cadete e Infantil, e onde se premiará aos tres mellores de cada modalidade, tanto en categoría masculina coma feminina.
Horario da competición
A convocatoria arrincará xa á mañá, ás 10.00, coa II Minibtt benxamín. Ao seu remate comezará a proba Promesa, seguida da carreira de Principiantes e remataran os corredores de categoría alevín.
Pola tarde, ás 15.30 arrincará a II XCO Vila das Pontes da man da carreira infantil. Seguidamente será a quenda do grupo Cadete Masculino, Master 40, Master 50 -60 e pecharán a xornada, na terceira manga, os corredores Elite, Master Masculino e Feminino, Master 30, Junior Masculino e Feminino, Sub 23 e Cadete Feminino.
Haberá trofeos para os cinco mellores corredores e corredoras de cada categoría e premios en metálico e tamén en vales para material deportivo para os gañadores de cada proba.