As Pontes, 5 de xuño de 2024.  A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña e en colaboración coa Escudaría As Pontes Motorsport, organiza, este sábado, 8 de xuño, de 10.00 a 18:00 horas, no circuíto de karting pontés, a I Carreira Greenpower de Galicia, un campionato non clasificatorio no que participan un total de 10 equipos nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos) procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma así como de Asturias, Cantabria e de Madrid.

Os xardíns do Campus Industrial de Ferrol acolleron onte a rolda de prensa de presentación da I Carreira Greenpower de Galicia na que participou o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso quen fixo unha aposta pola mobilidade sostible e puxo ao dispor da organización da I Carreira Greenpower de Galicia o circuíto de karting da localidade, non só para este evento, “senón para todos os que están por vir”.

Pola súa vanda a  vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, quen destacou o interese de pór en marcha iniciativas coma esta para dar visibilidade ao eido das enxeñarías e, ao mesmo tempo, animou ao alumnado participante nas probas ABAU a estudar no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña.

O director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, aproveitou a súa intervención para agradecer o apoio prestado polos patrocinadores e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, salientou o interese dunha iniciativa que permite que o alumnado implicado traballe determinadas competencias brandas, como poden ser a comunicación, o traballo en equipo, o liderado ou a resolución de problemas.

O  coordinador do Proxecto Greenpower na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o profesor José Manuel Amado Paz, explicou que o estudantado de ESO, Bacharelato, Ciclos de FP e de universidade inscrito na carreira  participará na mesma con vehículos eléctricos “construídos desde cero” ou ben botando man dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia que inclúe as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor así como un par de baterías. Este último, é o caso do alumnado de grao e de máster que integra o EPEF Racing Team quen estivo a traballar durante todo este curso académico no deseño e na construción dunha carrocería aerodinámica que mellore a eficiencia e a velocidade do vehículo logo de que o Campus Industrial da Universidade da Coruña adquirise o citado kit.

José Manuel Amado Paz lembrou tamén que nesta competición, o equipo gañador será aquel que consiga percorrer máis quilómetros sen que se lle esgote a batería. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido, senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible. Así, os 10 equipos participantes na I Carreira Greenpower de Galicia terán que superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración cada unha no circuíto de karting situado no Concello das Pontes.

Tamén participaron na rolda de prensa de presentación da I Carreira Greenpower de Galicia o integrante da directiva da Escudaría As Pontes Motorsport e profesor do IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes, Marco López Riveira, e o representante de Greenpower Iberia en Galicia e profesor do IES Vilalonga de Sanxenxo, Santiago Covelo.

Colaboran nesta iniciativa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol, o Concello das Pontes, o grupo Intaf, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia, o IES Plurilingüe Castro da Uz e a Carpintería Madesa das Pontes xunto con Supermercados Gadis.

VÍA: UDC

Máis información: : www.greenpoweriberia.org