As Pontes, 25 de febreiro de 2021. O Concello das Pontes investirá 356.124 euros, provenientes da Deputación da Coruña, á fase inicial das obras de mellora de servizos e pavimentos na rúa Pardo Bazán.

A execución deste proxecto, aprobado polo pleno municipal, permitirá mellorar a accesibilidade da zona, cumprindo cona normativa vixente, ampliando o ancho das beirarrúas e eliminando os bordos, os desniveis e as ramplas para deixar a rúa á cota do viario, optando pola mesma solución estrutural e estética desenvolvida noutras zonas do casco urbano.

Desde o goberno municipal apuntan que “ é un proxecto moi ambicioso co que o Concello das Pontes quere devolverlle o protagonismo que, durante moitos anos, tivo na vila, e revitalizala, encamiñado a mellorar a accesibilidade e ampliar a dotación de servizos da zona”

Entre as obras previstas tamén se inclúe a renovación dos firmes e pavimentos, tanto para o tráfico rodado como peonil que serán substitutos por baldosas de formigón e por aglomerado bituminoso e crearase unha zona de aparcadoiro en batería, manténdose o aparcadoiro que actualmente da servizo ás instalacións deportivas da zona.

As obras previstas tamén inclúen a execución dun novo sistema de saneamento, a través da creación dun sistema separativo de aguas pluviais e fecais, realizando as acometidas oportunas con cada unha das edificacións existentes, mantendo, no casos que sexa posible, os colectores e os pozos existentes para conectalos coas novas redes.

O proxecto tamén permitirá mellorar o alumeado existente, substituíndoo por un novo de maior eficiencia enerxética, coa instalación de novos báculos e luminaria led.

Por último, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza, crearase un espazo de lecer que incluirá un parque infantil, un parque biosaludable, con catro elementos, e un espazo de reunión.

Os traballos tamén contemplan a plantación de especies arbóreas e a instalación de mobiliario urbano (bancos, xardineiras e papeleiras) e a creación de novos aparcadoiros.