As Pontes, 3 de abril de 2023. O Concello das Pontes porá en marcha, a finais de ano, un servizo de transporte público municipal que conectará todas as parroquias co centro urbano a través de tres liñas regulares e un servizo baixo demanda.

Desde o Concello apuntan que “este novo servizo responde a unha demanda das asociacións veciñais do rural que reclamaban un servizo de transporte que comunicase á veciñanza, nun territorio tan disperso como o noso, co núcleo urbano onde se concentran os servizos administrativos, sanitarios, educativos, económicos e de lecer das Pontes”.

Así mesmo, desde o goberno local sinalan que “fronte ao abandono que sufrimos os concellos rurais por parte do goberno autonómico, en canto ao transporte público se refire, con supresión de servizos, incumprimento de horarios, falta de prazas e mesmo mala conservación dos vehículos, o Concello das Pontes facilitará aos veciños e veciñas a mobilidade, entendendo que se trata dunha oportunidade para conseguir unha mellor calidade de vida para toda a poboación, promovendo a inclusión social e contribuíndo ao cumprimento dos obxectivos de mobilidade e sustentabilidade fixados no Plan de Mobilidade  do Concello das Pontes”.

O servizo, que será gratis para toda a veciñanza empadroada no municipio, contará con tres liñas, unha liña circular unirá o Chamoselo co Lago, terá 8 servizos diarios e cubrirá un total de 26 paradas, estando operativo todos os días do ano. Outra liña circular, que operará todos os días do ano, unirá A Cuíña co Lago, contará con 19 paradas e realizará 8 servizos ao día.

A terceira liña regular que inclúe o servizo de transporte público municipal operará só os días lectivos e unirá o municipio cos centros educativos, tanto nos horarios de entrada como de saída aos mesmos, a través de 10 paradas, conectando tamén o Centro de Saúde.

Estes servizos completaranse cun servizo a demanda, para as parroquias, que deberá ser solicitado con 48 horas de antelación e que dará cobertura a todos aqueles servizos, tanto en horario de mañá como de tarde, que na actualidade non cubre o plan de transporte público da Xunta de Galicia.

Así mesmo, este novo servizo municipal ofrecerá servizos especiais para datas sinaladas no calendario de actividades culturais, deportivas e sociais das Pontes como poden ser o Día de Defuntos, a Feira do Queixo e a Mel de Goente, a festa de San Vicente de Pontoibo ou as feiras gastronómicas, entre outras. Tamén está previsto que este novo servizo inclúa desprazamentos, durante días non lectivos, a lugares de interese cultural e patrimonial dirixidos a diferentes colectivos e entidades do municipio.