As Pontes, 3 de abril de 2023. As Pontes converterase en sede internacional do Foro Internacional de Industria, Enerxías Renovables e Investimento, un evento que converterá ao municipio no epicentro da innovación, o investimento e o desenvolvemento estratéxico nestes campos nos que o municipio levou a cabo unha aposta decidida pola súa diversificación produtiva.

A concelleira de Industria, Ana Pena, sinala que “desde o goberno municipal entendemos que debemos aproveitar as ferramentas á nosa disposición para apoiar ao tecido empresarial local e promocionar as oportunidades que poden xerar os nosos recursos naturais e potenciais para a atracción de novas industrias que promovan economía e emprego nun territorio que é o primeiro enclave produtor de enerxía do país. Este foro ofrece unha nova canle de difusión para a atracción de investimento que non queremos desaproveitar”

O evento, enmarcado na participación das Pontes na Rede Business Market, permitirá a conexión do territorio con referentes do campo da innovación e o investimento industrial así como con firmas de referencia no campo da sustentabilidade e a loxística que durante os días 27,28 e 29 de setembro participarán nun programa aberto e transversal ao tecido económico local, rexional e nacional.

Entre as actividades previstas destacan conferencias, mesas redondas, paneis de presentación de proxectos industriais, sostibles e innovadores ou roldas de negocio, alianzas comerciais e financiamento.

O foro, contará coa inauguración do Presidente da Rede Internacional de Agrupamentos Industriais, Loxísticos e Innovadores e á súa vez Presidente da Asociación de Parques Industriais da Arxentina, Rodolfo Games, e no mesmo contarase coa invitación a organizacións empresariais como a Camacol Cámaras de Comercio e Industria Latinas en EEUU ou AEMPYMES Asociación de Emprendedores e Pemes con presenza en EEUU, México, Ecuador e España.

Aspectos como o desenvolvemento do hidroxeno como fonte de enerxía e riqueza nos territorios, o posicionamento dos territorios no novo marco da loxística global ou a atracción de procesos de investimento orientados á reindustrialización como xeradora de riqueza nas rexións serán algúns dos asuntos que abordará este foro.