As Pontes, 25 de setembro de 2021. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado por outros membros da corporación municipal, participaron onte na presentación da asociación Terras do Anaris, un novo colectivo que espuxo, ante un nutrido grupo de representantes sociais e institucionais,os fins e obxectivos para os que foi concebida.
O acto contou coa presenza de preto de 50 representantes de entidades públicas e privadas da bisbarra do Eume e serviu para expoñer as potenciales do territorio que atravesa o río Eume ao longo dos seus máis de 80 quilómetros, e da necesidade de dotalo dun plan estratéxico que dinamice e asente as bases do futuro en diferentes áreas: económica, social, medioambiental, cultural, deportiva, turísticae tecnolóxica.
Terras do Anaris, integrada por membros da sociedade civil da comarca do Eume, iniciará a súa actividade mediante unha rolda de xuntanzas con entidades, empresas e persoas dos diferentes concellos da comarca do Eume, entre os meses de outubro e decembro de 2021, para xa no ano 2022,comezar a traballar de xeito participativo a través de mesas sectoriais, co fin de recoller as inquedanzas, necesidades, preocupacións e ideas de cara ao artellamento dun plan estratéxico para o Eume, que sirva de documento de referencia para o desenvolvemento sustentable do territorio.