As Pontes, 24 de setembro de 2021. O Concello das Pontes porá en marcha, a partir do mes de outubro, unha serie de actividades sobre micoloxía que teñen como obxectivo complementar e fortalecer a Feira de Fungos e Cogomelos 2021, que se celebrará entre o 30 de outubro e o 1 de novembro.

Durante a presentación das xornadas micolóxicas, Elena López, concelleira de Turismo, fixo fincapé en que “se trata dunha iniciativa aberta e gratuíta que busca potenciar a actividade micolóxica na comarca. Preténdese, que durante un mes, todas as persoas interesadas na recolla de fungos, poidan atoparse e formarse nas Pontes con actividades que promoven o desenvolvemento rural a través de diversos aproveitamentos ambientais, culturais e económicos destes extraordinarios recursos naturais”.

No programa de actividades inclúese unha serie de obradoiros e faladoiros presentados por persoas destacadas no mundo da micoloxía. A primeira actividade será o venres 15 de outubro cun obradoiro sobre intoxicación por cogomelos a cargo de José Manuel Castro Marcote, presidente asociación micolóxica Pan de Raposo. Tamén, Miño Guerreiro, do Mesón O Puxigo, ofrecerá un obradoido de iniciación e un paseo de recolección e identificación de especies o 23 de outubro en horario de mañá.

O sábado 30 de outubro, levarase a cabo un faladoiro cos micólogos José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus e Chemi Traba, presidente da Federación Galega de Micoloxía, que xunto con Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña conversarán co público asistente sobre os retos e oportunidades dos cogomelos en Galicia.

Tamén en formato faladoiro, contarase coa prestixiosa divulgadora e investigadora Marisa Castro, representante de MycoGalicia Plantae e da Universidade de Vigo, que abordará a xestión sostible do monte e os aproveitamentos comerciais dos cogomelos.

As xornadas tamén contarán co ciclo “Luns Micolóxicos” onde durante catro luns, o cociñeiro especializado en cogomelos Antonio Díaz, xunto co micólogo José Luis Cuba realizarán a labor de inspección e identificación de fungos recolectados durante a fin de semana por parte do público que asista.

A meirande parte das actividades terán unha duración aproximada de dúas horas, e debido a que as prazas son limitadas, requírese inscrición previa para poder asistir.

A inscrición para a reserva de praza pode formalizarse a través do seguinte enlace: https://deloga.typeform.com/cogomelos2021. Así mesmo, o Concello tamén habilitou para dúbidas ou aclaracións o teléfono 604.04.73.37 e o correo [email protected]