As Pontes, 18 de febreiro de 2023. As Pontes contará con máis axentes da Garda Civil, un incremento motivado pola solicitude do Concello co obxectivo de intensificar as medidas de vixilancia e prevención no municipio.

Así, está previsto un incremento do 20% do cadro actual,  que permitirá realizar unha media de 180 patrullas máis ao ano, segundo expuxo o mando da Garda Civil durante a sesión extraodinaria da Xunta Local de Seguridade celebrada esta semana, presidida polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso e na que tamén participaron a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, o concelleiro de Seguridade, José Ramón Alonso, concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, a concelleira de Industria, Ana Pena, así como mandos da Garda Civil, do Corpo Autonómico da Policía, da Policía Local e de Protección Civil e representantes das asociación empresariais locais, Cohempo e Seara.

Asi mesmo, o rexedor local apuntou que desde o Concello das Pontes, co mesmo obxectivo, está previsto reforzar o actual cadro de policías locais, integrado por 7 axentes. “Xa está  iniciado o expediente de contratación de tres novas prazas de policía local e ademais daremos continuidade ás contratacións de auxiliares de policía, tal e como fixemos nos anos anteriores.”

Por outra banda, durante está reunión os mandos da Garda Civil expuxeron as cifras de evolución da seguridade cidadá e a convivencia no termo municipal das Pontes así como propostas de medidas para abordar os problemas detectados.

Así deuse a coñecer a tipoloxía dos delitos e a taxa de criminalidade do municipio. Os delitos contra o patrimonio ascenderon a 26 durante o ano 2022, os delitos contra as persoas, entre os que se inclúen delitos de violencia de xénero, foron nove mentres que os delitos contra a seguridade colectiva (incendios forestais e delitos contra a seguridade do tráfico) o número ascenden a 13.

En relación a criminalidade, As Pontes ten una taxa de 13 delitos ao ano por cada mil habitantes, case un terzo da taxa media de criminalidade da provincia e que sitúan a As Pontes como un concello seguro.