As Pontes, 16 de febreiro de 2023. O Concello das Pontes acollerá, a partir da próxima fin de semana, a II Mostra de Teatro Amador, unha iniciativa posta o ano pasado pola concellería de Cultura coa finalidade de darlle continuidade ao traballo levado a cabo pola compañía local Quemaisten Teatro promotora, apostando pola cultura local, apoiando ás pequenas compañías de teatro afeccionado,

“Queremos fomentar a expresión artística teatral e seguir dando a oportunidade ás compañías amador de poñer toda a súa paixón no escenario, ofrecendo unhas obras de gran calidade que, temos o convencemento, sorprenderán ao público” sinala o concelleiro de Cultura Vicente Roca.

A mostra de teatro amador do Concello das Pontes desenvolverase durante os sábados dos meses de febreiro, marzo e abril, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

Arrincará o día 25 de febreiro coa obra “Nin o demo entende ás mulleres” da Asociación Cultural e Teatral Pedroso (Narón).  O sábado, 5 de marzo será a quenda para A Tenencia, do concello de Ares coa obra “Retratos Vellos”, unha obra que promete diversión e gargalladas e tamén facer pensar ao público xa dende o primeiro momento. O seu título é xa unha declaración de intencións, cun xogo de palabras entre o vello e o belo, entre o antigo e o fermoso que, neste caso como en tantos outros, van da man.

O grupo de teatro Baluros (Castro de Rei) chegará o día 11 de marzo a As Pontes coa obra -“Menciñeiro á forza”. Xa o sábado, 19 de marzo será a quenda para a obra” República Sideral” da compañía de teatro Airiños de Rianxo, unha parodia sobre un hipotético intento independentista da Illa de Arousa na que aparecen caricaturizadas figuras como as de Mola ou Franco.

O último sábado do mes de marzo o público das Pontes poderá gozar da obra “Arsénico por compasión” do grupo El Ruiseñor (Culleredo), a famosa peza  de Joseph Kesselring que foi levada ao cinema no seu día por Frank Capra

A mostra rematará o sábado, 1 de abril  coa obra “Baile de Huesos” do grupo de teatro Andanzas de Corcubión, unha comedia dramática e tenra á vez que apela á emoción e á esperanza, cuxo obxecto final é unha invitación á reflexión sobre os valores da nosa existencia

Todas as funcións estarán presentadas polo actor Juan Anillo, con máis de 30 anos de experiencia en televisión, cine e teatro, destacando o seu traballo no programa Lo + Plus e Mitomanía e participando en películas e curtametraxes como  Último parte de Guerra (2002), de Jesús Obón e Carlos Ondiviela, Ana y Colibrí (2003), de Enrique León ou Prototipo (2004), de José Ignacio Simón

As entradas para todas ás representacións teatrais estarán á venda na plataforma dixital aspontes.sacatuentrada.com e na billeteira do Auditorio Municipal.