As Pontes, 20 de febreiro de 2023. O Concello das Pontes asinou, a semana pasada, os convenios de colaboración con Aspanaes e a Residencia A Madalena para poñer en marcha un programa educativo dirixido ao alumnado con perfil abstentista da vila.

O programa ten como obxectivo prioritario que o alumnado adquira coñecementos educativos e valores sociais que levenn á modificación da súa conduta no centro educativo, valorando a súa formación e ofrecendo un apoio aos centros de ensino e ás familias.

Así, os centros educativos de secundaria do municipio poderán derivar ao alumnado con perfil abstentista ao programa de atención educativa á infancia e á adolescencia no que se lles ofrecerá apoio socioeducativo.

O alumnado acudirá ás actividades do programa en horario lectivo, os mércores e xoves, para realizar diversas tarefas educativas e os venres acudirá, catro horas, á Residencia da Madalena ou a residencia de Aspanaes a realizar tarefas de voluntariado baixo a supervisión do persoal do centro.

As entidades sociosanitarias recibirán ao alumnado absentista, seguindo coas medidas preventivas da Covid referidas a centros hospitalarios e relativas aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade.

O alumnado que se pode beneficiar deste deste programa serán rapaces e rapazas que cursen Educación Secundaria Obrigatoria, estean en idade de escolarización obrigatoria e estean empadroados/as no concello das Pontes.