As Pontes, 4 de decembro de 2020. A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes adxudicou as obras da renovación integral da Rúa Roseiras, ubicada na contorna da Cal da Avelaiña.

O proxecto, cun orzamento de 166.463,89 euros financiado pola Deputación da Coruña, está destinado a mellorar a calidade estrucutral e superficial da rúa, incluíndo a renovación tanto da estrada como das beirarrúas peonís, así como a mellora da iluminación e a separación da rede de drenaxe da rede de saneamento.

Así, procederase á renovación e ampliación dos pavimentos peonís para facelos accesibles, executándoos cunha laxa hidráulica prefabricada. O pavimento para a calzada igualarase á cota das beirarrúas peonís e executarase mediante a colocación, en forma de espiga, de lastra prefabricada de formigón, distinguindo a zona de aparcadoiro con laxas de distinta cor, ao igual que a sinalización horizontal que será executada con lastras de cor branca.

Asemade procederase á renovación do servizo de saneamento existente na rúa, colocando dous novos colectores con tubos de PVC e executaranse pozos de rexistro e novas acometidas ás vivendas. Por outra banda, a rede de drenaxe separarase da rede de saneamento, coa construción de novos pozos de rexistro para conectar os novos sumidoiros e os novos canlóns con reixa.

Eliminaranse os farois existentes, así como a canalización eléctrica actual, executando unha nova canalización e colocaranse báculos de 5 metros con luminarias LED. As obras finalizarán coa colocación de bancos, papeleiras e xardineiras de madeira e a renovación da sinalización horizontal segundo a lexislacion vixente.