As Pontes, 9 de decembro de 2020. A Consellería de Sanidade comunicou, esta mañá, ao Concello das Pontes o inicio dun cribado masivo con PCR á veciñanza da vila co obxectivo de detectar novos casos de COVID 19 no termo municipal e cortar a cadea de transmisión de contaxios.

As probas, de carácter voluntario, realizaranse na carpa ubicada diante do centro de saúde e comezarán esta mesma tarde, estendéndose durante toda a semana, incluída a fin de semana.

O centro de saúde será o encargado da selección da poboación entre os tramos de idade comprendidos entre os 15 e 20 anos, os 40 e 45 anos e os 50 e 55 anos.

Será o centro de saúde o responsable de poñerse en contacto coa poboación selecionada para indicarlles o día e hora á que deben acudir a realizar a proba.