As Pontes, 17 de agosto de 2023. O Concello das Pontes abre o prazo de inscrición para participar no proxecto “FotoEmoción”, unha proposta do departamento de Igualdade, dirixida ás mulleres da vila, que ten como obxectivo prioritario permitir as súas participantes achegarse ao autocoñecemento, á conexión co seu corpo e coas súas emocións.

Tania Pardo, responsable da área, apunta que “as mulleres durante moito tempo tivemos limitada a nosa expresión en diferentes ámbitos e de diferentes xeitos. A arte sempre foi o canal de expresión emocional da humanidade, por isto creemos que é unha excelente ferramenta para axudar ás mulleres a potenciar e manifestar todas as súas emocións e sentimentos, dándolles unha oportunidade para romper co silencio, conectar consigo mesmas e co seu mundo emocional a través do obxectivo das cámaras fotográficas”

Durante cinco sesións, cunha duración de dúas horas e media cada unha, ás mulleres participantes poderán achegarse as súas emocións así como aprender a ler imaxes e descifras a linguaxe do corpo e as emocións que transmiten, coñecer os principios básicos da fotografía e como aplicalos na construción de narrativas propias a través do teléfonos móbiles así como coñecer o traballo de diversas fotógrafas como fonte de empoderamento.

Así, durante a primeira sesión farase unha presentación do proxecto e as participantes achegaranse a conceptos relacionados coa desigualdade de xénero, os estereotipos, e os roles relacionados coa expresión, as emocións, a visibilización, a autoestima e o apoderamento.

As dúas seguintes sesións estarán destinadas a traballar expresión corporal e a comunicación non verbal e realizarase unha primeira aproximación a linguaxe fotográfica. Finalmente, as dúas últimas sesión estarán dedicadas á creación fotográfica nas que se traballará a autoestima, a ruptura coas estereotipos de xéneros e as desigualdades.

O programa desenvolverase os días 4, 11, 20 e 25 de setembro, de 16:30 a 19:00 horas, na aula polivalente da Casa Dopeso. As mulleres interesadas en participar nesta iniciativa poden inscribirse, ata o 31 de agosto no teléfono 981 44 10 98 ou no Centro de Información da Muller (2º andar Casa Dopeso)