As Pontes, 16 de agosto de 2023. O Concello das Pontes continúa coas accións formativas da cuarta edición do Programa Integrado de Emprego, en colaboración cos Concellos da Capela e As Somozas subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da  Xunta de Galicia e cofinanciado polas entidades locais.

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral dos veciños dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas, con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. A través deste programa formativo ofréceselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral

Ao abeiro dun amplo programa de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das persoas beneficiarias, no mes de maio púxose en marcha  un curso de vixiante de seguridade, de 180 horas de duración  (90h presenciais e 90h online) que incluía unha parte práctica que se desenvolveu na Escola HKF de defensa persoal para rematar con prácticas de tiro na SD  Pena da Revolta.

Por outra banda, tamén no mes de maio, deu comezo a formación do catálogo de especialidades de formación do SEPE de Operativa de Caixa-terminal punto de venda (COMT013PO), con 90 horas de duración ás que se lle suman 50 horas de prácticas non laborais en empresas locais nas que o alumnado ten a posibilidade de aprender nun centro de traballo os contidos relacionados coa formación teórico-práctica impartida na aula.

Tamén durante este mes comezou a impartirse a sesión de Creación/Actualización de Currículo,  a través da que as persoas beneficiarias tiveron a opción de realizar un currículo visual, coas características necesarias para que destaque nun proceso de selección.

Xa no mes de xuño iniciábase a primeira edición da formación online de Igualdade de Xénero e Oportunidades (25h) cuxa segunda edición dará comezo durante o mes de agosto. Trátase dunha formación trasversal, incluída en moitas formacións do catálogo de especialidades do SEPE, formación AFD e puntuable para as persoas que teñan interese nos procesos de emprego público.

Na primeira semana de agosto, en horario de mañá, deu comezo o curso de IMAI009PO Mantemento Industrial (150h+50h prácticas), incluído no catálogo de especialidades do SEPE, no que participan 13 alumnos e alumnas do Programa Integrado que poderán realizar rácticas non laborais en empresas da vila unha vez superados os módulos de formación.

Programa Integrado de Emprego

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral de 100 veciños e veciñas, dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, menores de 30 anos con cualificación así como desempregados e desempregadas de longa duración e percetores/as de prestacións.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 42% inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral , de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de currículum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral e mobilidade laboral, entre outras.

O programa permitiu nas súas edición anteriores a a formalización de 162 contratos de traballo,  44  durante o programa do ano 2017-2018, 56 durante a edición do ano 2019, exclusiva para mulleres, e 62 contratos durante o programa 2019-2021 que tivo que ser prorrogado por mor da pandemia.

Todas as accións do programa contan cunha bolsa de asistencia (incluídas as accións online) e coa posibilidade de utilizar o servizo de conciliación familiar para aqueles con cargas familiares que doutro xeito non poderían aproveitar as accións.

O orzamento do Programa Integrado é de 185.625 euros dos cales 148.500 euros son aportados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade Xunta de Galicia e 37.125 euros polo Concello de As Pontes, Concello de A Capela e Concello das Somozas e conta así mesmo co cofinanciamento do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).