As Pontes, 10 de agosto de 2023. O Concello das Pontes puxo en marcha, a semana pasada, unha campaña de reciclaxe de cabichas co obxectivo de reducir no municipio o impacto ambiental procedente do tabaco a través da dun sistema de cinceiros exteriores.

Nese sentido, desde o Concello das Pontes apuntan que “as cabichas son un dos residuos máis perigosos para os ecosistemas debido aos seus compostos tóxicos. Unha só cabicha contamina 500 litros de auga e tarda 12 anos en decompoñerse, recuperar e reciclar as cabichas pode reducir considerablemente a contaminación das contornas naturais e permite, ao mesmo tempo, darlles unha nova vida útil ”

Para levar a cabo esta campaña de reciclaxe o Concello das Pontes conta coa colaboración de Keenat,  empresa de economía social que ofrece unha solución innovadora para concienciar, recoller e reciclar as cabichas, reducindo a súa presenza no medioambiente e evitando que contaminen o nosos ríos.

Esta solución inclúe, como primeira fase, a instalación de 7 cinceiros en puntos de alta afluencia do pobo, así como 1 contedor e un dispensador de cinceiros de cartón na praia do Lago, nos que a veciñanza poderá depositar as cabichas do tabaco que, posteriormente, serán trasladadas a unha pranta de reciclaxe de cabichas en Francia, onde se lles dará unha nova vida útil converténdoas en plásticos reciclados.

Esta campaña inclúe accións de sensiblización,  co obxectivo de concienciar á veciñanza sobre o impacto medioambiental dos refugallos e das súas accións; así como o reparto de 1000 cinceiros de peto que teñen como obxectivo axudar á poboación a colaborar neste labor de reciclaxe.