As Pontes, 18 de agosto de 2023. O lago das Pontes acollerá esta fin de semana unha nova edición da proposta “O MAR DE LECER” posta en marcha o ano pasado polo Concello das Pontes para conmemorar o décimo aniversario da creación do lago, regresa, a segunda quincena de agosto, a este espazo cunha oferta de actividades ampla, diversa e multidisciplar.

As actividades darán comezo o sábado, 19 de agosto, ás 18:00 horas co espectáculo Circando, da compañía Artefeito, que achegará ata o lago das Pontes unha gala de circo, música e maxia na que os números se suceden de forma dinámica e na que o público asistente verase na obriga de non parar de rir.

A continuación, ás 19:00 horas, será a quenda para a música, da man de Anís Guateque, unha formación que nace das ganas de baile, de festa e da alegría, integrada por tres percusionistas, baixo, guitarra, teclado e clarinete que se mesturan en diferentes formatos, nun repertorio con tinguiduras cubanas e psicodélicas.

Ás 21:00 horas tomará a testemuña a formación musical Lora, que despois de actuar por toda Galicia, e nos sitios máis icónicos (Praia de Riazor con Patti Smith e Nathy Peluso, Praza de María Pita na xira nacional de Os40, Festival da Luz teloneando a Luz Casal) chegan coa súa música a As Pontes, cun show dinámico e potente, para bailar saltar e suar a partes iguais.

A programación continuará o domingo, 20 de agosto, ás 18:00 horas, co espectáculo musical infantil Arbolito y la Abubilla de Ajayu dúo, un conto de creación propia que ten 20 cancións orixinais con música en directo, ritmos e instrumentos de todo o mundo.

Todas estas actividades son postas en marcha o apoio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN) a través do programa DinamizartJ co que se pretende xerar unha oferta cultural ampla nos municipios afectados polo proceso de peche de instalacións en zonas de Transición Xusta.

Este programa une a demanda cultural local, actuacións e actividades ofrecidas por novos artistas, programación cultural e contribúe coa oferta turística. Pola súa banda, os novos intérpretes poden atopar en Dinamiz-ARTj unha plataforma para impulsar as súas carreiras artísticas facilitándolles oportunidades profesionais.

Pola súa banda, o departamento de Turismo última as súas propostas entre as que se atopan o terceiro festival de papaventos, que se desenvolverá o sábado e o domingo, en horario de 11:00 a 18:00 horas e que incluirá unha exhibición de papaventos, obradoiros de xogos tradicionais e obradoiros de artes plásticas.

Así mesmo, o sábado en horario de mañá, desde ás 11:00 ás 14:00 horas haberá unha exhibición de modelismo naval que permitirá ao público achegarse ao mundo do modelismo e poder ver como sucan as augas do lago, pesqueiros, cargueiros, submarinos, barcos de vela, remolcadores, lanchas rápidas, e patrulleiras de rescate.