As Pontes, 19 de outubro| Esta mañá retomábanse as xornadas formativas en RCP, reanimación cardiopulmonar.

A Doutora e o Técnico Sanitario encargados da súa impartición acudían desta vez ó Colexio A Madalena.

Alí explicaron ós alunos e alunas como actuar diante dunha situación de parada cardiorespiratoria.

Contaron con senllos bonecos de RCP no que puideron poñer en práctica o aprendido. E logo recibían cadansúa guía.

Logo das xornadas aberta ó público en xeral, e as dúas primeiras nos colexios, agora retomarase esta iniciativa da Concellería de Xuventude e deportes, cos centros de ensino medio.

O luns visitarase o Instituto Moncho Valcarce en horario de mañá e tarde, e o venres 27 xa irán a Castro da Uz.

Tamén a semana que ven teremos o curso de manexo de desfibrilador Desa, o xoves e o venres.

Trátase dun obradoiro gratuíto que contará con tres sesións nas que participarán entre 10 e 20 alumnos.

Así as cousas, os anotados nestes obradoiros poderán aprender de técnicos especialistas o que facer se un usuario cae inconsciente, de feito o propio Desa vai indicando os pasos a seguir, dende a colocación dos parches no peito da persoa inconsciente ata a análise do seu ritmo cardiaco e as correspondentes descargas eléctricas, de ser necesarias.

Estes talleres están dirixidos tan só a persoas vencelladas coa dirección dos clubes deportivos locais e desenvolveranse o día 26 deste mes, entre as 4 e as 9 da noite, o día 27 no mesmo horario e xa o día 4 de novembro, nun horario aínda por determinar.