As Pontes, 7 de febreiro de 2024. A concelleira de Industria, Ana Pena, visitou esta mañá as instalacións do novo centro de operacións de Invenergy Services no Polígono de Penapurreira.

Durante a súa visita, Ana Pena, remarcou a importancia deste novo centro que “ven a reafirmar a aposta de Invenergy Services por As Pontes. Trátase dunha instalación que servirá como almacén central e oficina do persoal técnico da compañía e que permitirá á empresa mellorar as súas capacidades de operación e xestión de activos renovables en España, facendo que As Pontes siga sendo un referente no sector enerxético.”

O centro loxístico de Invenergy Services comezará a súa actividade a finais de febreiro, nunhas instalacións de 7.000 metros cadrados, cunha previsión de ampliación que lle permitirá chegar ata os 10.000 metros cadrados.

Antes do mes de marzo, o persoal de operacións, localizado actualmente en Somozas, iniciará a súa actividade no novo centro de operacións de As Pontes, no que Invenergy continuará ampliando a plantilla, que supera na actualidade os 250 empregados.

Ana Pena, sinalou así mesmo que “este novo centro loxístico ven a reforzar o compromiso da compañía polo noso municipio e súmase ao proxecto de colaboración público-privada que permitiron a posta en marcha dun ciclo de FP dual, creando novas oportunidades formativas e laborais no noso municipio”.

O alumnado participante recibirá formación sobre sistemas mecánicos, sistemas eléctricos, integración de sistemas, mantemento e procesos de calidade, formación académica que se completará con formación práctica, durante os meses de verán, traballando xunto aos técnicos de Invenergy Services.

Invenergy Services

Invenergy Services, o maior desarrollador e operador global privado de solucións de enerxía sostible,ten a súa sede central está en Chicago e ten oficinas de desenvolvemento rexional en Estados Unidos, Canadá, México, Brasil, Xapón, Polonia, Reino Unido e España.

A compañía, fundada en Estados Unidos, fai máis de dúas décadas, xa desenvolveu máis de 180 proxectos en catro continentes por un total de máis de 29.000 megawatts. En concreto, no sector eólico 109 proxectos con 17.276 MW.

Especialista en enerxías renovables, ofrece solucións personalizadas que cubren desde o mantemento preventivo, correctivo e predictivo, encargándose da xestión de todos os repostos, buscando a optimización na xeración de enerxía, minimizando os custes.