As Pontes, 16 de novembro de 2023. A cuarta edición do Programa Integrado de Emprego das Pontes, posto en marcha coa colaboración dos Concellos da Capela e As Somozas e subvencionado pola Consellería  de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado polas entidades locais logrou a inserción laboral do 42% do seu alumnado.

Así, ao abeiro deste programa, no que participaron un total de 100 veciños e veciñas procedentes dos concellos das Pontes, A Capela e Somozas foron 61 ás persoas que, durante o transcurso do programa, lograron un contrato de traballo, tanto no ámbito público como no privado. As insercións laborais  realizáronse en ámbitos cunha ampla demanda de persoal por parte do tecido industrial e comercial do municipio, estando, maioritariamente, relacionadas cos sectores da limpeza e limpeza industrial, construción, sector eólico, alimentación, seguridade, hostalaría ou transporte sanitario, entre outros.

A Concelleira de Industria, Ana Pena, deu a coñecer hoxe estes datos durante o transcurso do acto de clausura da cuarta edición do Programa Integrado de Emprego das Pontes, acto no que estivo acompañada polo alcalde da Capela, Manuel Meizoso e o alcalde de Somozas, Juan Alonso Tembrás, o equipo directivo e o dinamizador do IES Castro da Uz así como representantes das empresas que acolleron ao alumnado en prácticas, o profesorado das distintas formacións levadas a cabo nesta edición e a coordinadora do Programa Integrado de Emprego.

Ana Pena, amosou, durante a entrega de diplomas dos cursos realizados durante o último trimestre, a súa satisfacción polas cifras de inserción logradas. “Un ano máis, cumprimos co obxectivo de inserción fixado para o Programa Integrado de Emprego das Pontes. Os datos confírmannos que debemos continuar apostando pola formación, vencellada ás demandas do tecido laboral do municipio e a comarca, para mellorar a empregabilidade e a situación laboral da veciñanza que se atopa na procura de emprego”.

A concelleira tamén lembrou que desde a posta en marcha dos Programas Integrados de Emprego, no ano 2017, xestionáronse case 360 ofertas de emprego e foron 223 ás persoas que atoparon un posto de traballo, 44 durante o programa do ano 2017-2018, 56 durante a edición do ano 2019, exclusiva para mulleres, e 62 contratos durante o programa 2019-2021 que tivo que ser prorrogado por mor da pandemia e 61 durante esta última edición, alcanzándose, en todas as edicións os compromisos de insercións do programa, superando 40% todos os anos.

Ana Pena adiantou que As Pontes contará cunha nova edición do Programa Integrado de Emprego, que se porá en marcha no mes de decembro de 2023, dirixido a promover a inserción laboral 100 homes e mulleres desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral, “trátase dunha nova oportunidade para mellorar a ocupabilidade e inserción laboral da veciñanza da vila ofrecéndolle unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral” subliñou a concelleira de Industria.

ÚLTIMAS FORMACIÓNS

Ao abeiro dun amplo programa de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das persoas beneficiarias, no mes setembro desenvolvéronse dúas edicións de cursos de carretilla elevadora e plataforma elevadora, unha en quenda de mañá e outra de tarde. A esta formación asistiron 24 participantes que durante unha semana adquiriron os coñecementos teóricos e prácticos, levados a cabo nas instalacións de SEARA.

Así mesmo, o alumnado continuou co curso de Mantemento Industrial (IMAI009PO), que arrancaba no mes de agosto e que durante o mes de setembro permitiu ás persoas participantes realizar prácticas non laborais en empresas da contorna como Delagro Soc. Cooperativa, Delicias Coruña, Biomasa Forestal e Arteixo Telecom.

A mediados de setembro comezaba a formación de Operador de liña de produción, que permitiu ao alumnado participante a adquisición do diploma de carretilla retráctil. O alumnado que superou os contidos da parte teórico-práctica pasou a realizar as prácticas non laborais en empresas das Pontes, tales como Allied Steel International.

A finais de mes un total de 11 persoas comezaron a formación transversal de Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais (60h) e xa no mes de outubro daban comezo as dúas últimas formacións: Curso de control de accesos con prácticas non laborais na Escola de defensa persoal e policial HKF e a formación de ADGD089PO Emprendemento: Nocións, na que 11 persoas puideron adquirir coñecementos básicos sobre a motivación emprendedora, o plan de empresa, competencias, formas xurídicas ou trámites para emprender, entre outros contidos.

O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DAS PONTES

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral de 100 veciños e veciñas, dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, menores de 30 anos con cualificación así como desempregados e desempregadas de longa duración e perceptores/as de prestacións.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 42% inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral , de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de currículo vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral e mobilidade laboral, entre outras.

Todas as accións do programa contan cunha bolsa de asistencia (incluídas as accións online) e coa posibilidade de utilizar o servizo de conciliación familiar para aqueles con cargas familiares que doutro xeito non poderían aproveitar as accións.

O orzamento do Programa Integrado é de 185.625 euros dos cales 148.500 euros son aportados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade Xunta de Galicia e 37.125 euros polo Concello de As Pontes, Concello de A Capela e Concello das Somozas e conta así mesmo co cofinanciamento do Servizo úblico de Emprego Estatal (SEPE).