As Pontes, 20 de novembro de 2022. O Concello das Pontes celebrará, o primeiro fin de semana de decembro ao abeiro da programación cultural de nadal, o segundo festival de ilusionismo, “As Pontes ten maxia”.

Unha proposta que achegará, ata diferentes espazos da vila a algúns dos máis recoñecidos e premiados números de maxia do momento e que “permitirá ao público das Pontes gozar dun conxunto de ilusionistas, procedentes de diferentes lugares do mundo, a través dun programa, organizado en tres xornadas, pensado para todos os públicos e con capacidade para sorprender tanto á rapazada como á veciñanza adulta” apunta Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura.

O segundo festival de ilusionismo, “As Pontes ten maxia”, arrancará o venres, 1 de decembro, ás 12:00 horas, cun espectáculo de maxia, no Centro de Día, a cargo do mago Noel, que actuará, novamente, a partir das 17:00 horas na Residencia de Maiores da vila, para, ás 20:30 horas, participar no acendido das luces de Nadal, acompañado polo Rockservatorio das Pontes. Este espectáculo celebrarase no Parque Municipal  no caso de choiva trasladarase ao Auditorio Municipal Cine Alovi.

O sábado, 2 de decembro, a partir das 11:00 horas, o mago Joshua Kenneth dirixirá un obradoiro de maxia, dunha hora de duración, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos. Todas a rapazada interesada en participar pode inscribirse, ata o 1 de decembro, no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 607 28 39 29

Ese mesmo día, ás 13:00 horas, da man do Mago Linaje, haberá un espectáculo de maxia dirixido aos bebés da vila, no Auditorio Municipal Cine Alovi. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda para a Gala de Maxia Infantil a cargo do Mago Linaje, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

O domingo 3 de decembro, a partir das 18:00 horas celebrarase a Gran Gala Internacional de Maxia, no Auditorio Municipal Cine Alovi, na que participarán Jordi Caps, Joshua Kenneth, Arkadio, Enric Magoo e Solange Kardinaly.

As entradas para a Gala Infantil de Maxia e a Gran Gala Internacional de Maxia poderán retirarse nos próximos días na páxina web https://aspontes.sacatuentrada.es/es e poderán retirarse 15 minutos antes do espectáculo na billeteira do Auditorio Municipal Cine Alovi.