As Pontes, 10 de xaneiro de 2024.  O salón de actos da Casa Dopes  albergou onte unha charla informativa achega do programa de formación que se desenvolverá proximamente no marco do plan de recolocación de persoas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Cerceda –unha iniciativa da que tamén poderán saír beneficiadas as persoas sen emprego maiores de 52 anos dos municipios acollidos aos convenios de Transición Xusta: As Pontes, Cabanas, Monfero, Xermade, Vilalba, Muras, As Somozas, San Sadurniño, Mañón, Moeche, Cerdido, Ortigueira e Ferrol.

Os cursos que se ofrecerán céntranse na especialización de instalacións fotovoltaicas, enerxía eólica, infraestruturas verdes –drons e xestión de residuos–, rehabilitación enerxética, seguridade e saúde, operación de carretillas, así como o manexo de maquinaria pesada.

O obxectivo deste programa é lograr a inserción laboral destes traballadores e traballadoras en situación de desemprego tras o peche da central de Endesa por mor do proceso de descarbonización. As formacións, de entre 80 e 100 horas, levarán a cabo no caso de que exista un número suficiente de solicitantes –un mínimo de 10 e un máximo de 25–, tendo como requisito fundamental que polo menos o 30% en cada un deles sexan mulleres.

Para máis información chamar ao 635 401 718 ou enviar un correo electrónico a [email protected].