As Pontes, 18 de marzo de 2024. O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco convoca a segunda edición do concurso de deseño de marcapáxinas para celebrar o Día do Libro que se conmemora o próximo 23 de abril.

Baixo a lema “DESCUBRINDO AS ESTRELAS” e con motivo de que o cometa12P/Pons-Brooks poderá ser visible desde a terra en abril, as persoas participantes terán que amosar no seus deseños os seus coñecementos sobre a astronomía, sobre os planetas, os satélites, as perseidas, os cometas, as estrelas…

Establécense cinco categorías segundo nivel educativo, distinguindo unha categoría infantil (de 0 a 5 anos), unha categoría para alumnado de primaria inicial (de 6 a 8 anos), outra para o alumando de primaria media (de 8 a 10 anos), outra para primaria superior (de 10 a 12 anos) así como unha categoría para educación especial.

As crianzas que queiran participar neste deberán presentar obras orixinais, inéditas, libres de dereitos de autor e non premiadas noutros concursos, sobre o mundo da astronomía (unha única obra por persoa participante) empregando como soporte o modelo que a disposición das persoas interesadas nas instalacións da Biblioteca Municipal e na páxina web do Concello.

As obras deberán entregarse, ata o 19 de abril, nun sobre pechado, indicando no mesmo “II Concurso de Marcapáxinas da Biblioteca Municipal”, a categoría na que se participa e unha folla cos datos persoais da persoa autora (nome, apelidos, idade e teléfono).

Un xurado, composto por persoal da Biblioteca do Concello das Pontes, así como unha persoa profesional do deseño gráfico, seleccionarán o traballo gañador de cada categoría atendendo a criterios de calidade, creatividade e orixinalidade das obras.

O fallo darase a coñecer o 23 de abril e os premios consistirán en lotes de libros e artigos de papelería. Ademais do correspondente premio, os marcapáxinas gañadores en cada categoría serán impresos, e regalaranse durante todo o ano aos usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal de As Pontes.

Todas as obras e os nomes dos seus autores ou autoras serán expostas na Biblioteca Municipal de As Pontes a partir do 23 de abril de 2024.

BASES. VER

MODELO MARCAPÁXINAS: DESCARGAR