As Pontes, 14 de agosto de 2025.  As Pontes acollerá o vindeiro 4 de outubro unha experiencia pensada para persoas amantes da fotografía, sexan afeccionadas ou profesionais, que queiran aprender, practicar e descubrir a beleza deste enclave galego desde unha nova perspectiva.

Organizada polo Concello das Pontes e Fotowalk Galicia, a xornada está deseñada como unha experiencia inmersiva que mestura formación técnica, creatividade visual e descuberta do territorio, ofrecendo unha oportunidade única para mellorar habilidades fotográficas nun entorno inspirador.

Formación con Xosé Durán, fotógrafo profesional

A cita comezará pola mañá, na Casa Dopeso, cunha Masterclass sobre iluminación natural en exteriores a cargo de Xosé Durán, recoñecido fotógrafo profesional. Nela, abordarase como controlar a luz en diferentes condicións, evitar sombras non desexadas e conseguir retratos ao aire libre con impacto visual.

A seguir, Durán impartirá un obradoiro práctico en interior, centrado no uso de flashes e esquemas de iluminación creativa para destacar suxeitos, produtos ou crear escenas narrativas. Un espazo ideal para experimentar con diferentes técnicas e atopar un estilo propio.

Roteiro fotográfico polas paisaxes das Pontes

Xa pola tarde, a partir das 15:00 h, comezará un roteiro fotográfico guiado de 3 horas por algúns dos puntos máis emblemáticos da zona: o lago das Pontes, a contorna do río Eume e outros espazos naturais cheos de encanto.

O percorrido contará coa guía de expertos locais e co acompañamento de Xosé Durán, quen axudará ás persoas participantes a aplicar os coñecementos adquiridos durante o día.

Inscrición aberta e prazas limitadas

O evento é completamente gratuíto, pero as prazas son limitadas, polo que se recomenda inscribirse canto antes. Para máis información e reservas: 📩 [email protected]