As Pontes, 14 de agosto de 2025. O Concello das Pontes informa que este ano non se celebrará a actividade cultural “Cita coa Historia”, organizada pola asociación @Lembranzadavila coa colaboración do propio Concello.

A decisión responde á vontade da asociación organizadora de tomarse un pequeno descanso, co obxectivo de retomar a cita o vindeiro ano cunha edición renovada, cargada de ilusión, forza e novas propostas que sigan poñendo en valor a nosa historia, o noso patrimonio e a nosa identidade como pobo.
Somos conscientes do inmenso esforzo que supón dar vida a esta celebración: tres días nos que A Vila se transforma grazas ao traballo incansable, a entrega e o compromiso de todas as persoas que forman parte de Lembranza da Vila, así como da colaboración desinteresada de moitas entidades, asociacións e veciñas e veciños que fan posible este evento tan querido. Comprendemos e respectamos a decisión de realizar este pequeno descanso.
Desde o Concello das Pontes e desde a asociación Lembranza da Vila queremos expresar o noso máis sincero agradecemento polo apoio, o cariño e a participación que, ano tras ano, amosa a cidadanía e todas as persoas que nos visitan durante esta cita tan especial.
Agardamos con ilusión o reencontro no próximo ano, para seguir facendo memoria xuntas e xuntos, celebrando o que somos e o que fomos.