As Pontes, 28 de xullo de 2023. O Concello das Pontes ofrecía, esta mañá, unha recepción oficial a unha representación da veciñanza de Lesneven, coincidindo coa celebración do 32º aniversario do irmandamento entre As Pontes e a vila bretona.

Os 34 integrantes da comitiva francesa foron recibidos, xunto coas familias pontesas de acollida, polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de cultura, Lorena Tenreiro, a concelleira de Turismo, Elena López e a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo acompañados polas presidentas dos comités de irmandamento, Sara Ramos e Marie Claire Abhervé.

Durante o acto institucional, González Formoso deu a benvida aos visitantes, que voltaban á vila por primeira vez tras e pandemia,  animándoos a gozar das Pontes e dos seus recunchos, así como da contorna,convidándoos ao mesmo tempo a seguir traballando para manter vivo un dos irmandamentos máis lonxevos da comunidade autónoma.

Así mesmo, felicitou a ambos comités por lograr ser unha irmandade de referencia e polo compromiso amosado pola veciñanza de ambas vilas durante máis de dúas décadas, animándoos a continuar coa mesma liña e seguir estreitando lazos de amizade, recordando e poñendo en valor o traballo levado a cabo por Antón Ferreiro, durante máis de dúas décadas

Desde a súa chegada a As Pontes, ontes, a delegación bretona participará diferentes activades no municipio ademais de visitar outros lugares da xeografia galega como a cidade da Coruña ou a Ribeira Sacra.