As Pontes, 21 de xullo de 2023. O Consello Escolar Municipal das Pontes esixe á Xunta de Galicia persoal especializado en atención á diversidade para o CEIP A Magdalena.

Nun escrito remitido á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na Coruña solicita unha reunión urxente para abordar esta cuestión de cara a adoptar todas as medidas precisas que garantan unha atención especializada, axeita ás demandas dos menores con necesidades educativas especiais escolarizados no centro educativo das Pontes.

Durante o curso pasado, o Consello Escolar Municipal lembra que no CEIP A Magdalena “cumprindo coa petición da inspección educativa para optimizar os recursos profesionais, agrupouse fóra da aula de referencia ao alumnado con necesidades educativas especiais incumprindo coa do 8 de setembro de 2021 na que se especifíca que a atención docente especializada debe prestarse, con “carácter xeral”, dentro da aula ordinaria do alumnado ao que se lle presta apoio”

Desde o Consello Escolar apuntan ademais que na “actualidade atopámonos ante un aumento do alumnado con necesidades educativas especias e o centro segue sen dispoñer dos recursos docentes especializados que garantan una atención axeitada ás necesidades educativas requiridas polos menores. Feito que está privando aos nenos e nenas das Pontes dunha atención educativa de calidade”

“É preciso atopar unha solución inmediata, ante a proximidade do inicio do curso escolar, para asegurar o óptimo rendemento, aprendizaxe e desenvolvemento persoal e académico de todo o alumnado do centro educativo, dando unha resposta acorde ás necesidades individuais de cada alumno e alumna” subliñan desde o Consello Escolar Municipal.

Trátase da segunda reunión solicitada desde o Consello Escolar Municipal das Pontes durante o último mes ante a falta de concreción na resposta da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na Coruña á primeira petición de reunión solicitada.