As Pontes, 20 de xuño de 2023. Preto de 700 triatletas daranse cita este domingo, 25 de xuño, no lago das Pontes, a IX edición do Northwest Triman, o único trialton de longa distancia de Galicia que,  e ao igual que nas edicións anteriores, contará unha proba de media distancia e incorpora como novidade unha proba de acuatlon para menores.

Esta mañá, durante a presentación da proba na que estiveron presentes membros da organización e patrocinadores, Elena López, concelleira de Turismo amosou a satisfacción que para o Concello das Pontes supón contar, una ano máis con esta proba, “unha data consolidada no calendario do municipio e repercute de xeito moi positivo na economía da nosa localidade, no sector hostaleiro e comercial, pero tamén no eido social, contribuíndo á proxección de As Pontes e situándonos no mapa do turismo deportivo non só autonómico senón tamén nacional”

Elena López tamén lle agradeceu aos organizadores “o esforzo que require poñer en marcha un evento destas características, así como a Federación Galega de Triatlon a súa aposta pola nosa vila como ás empresas patrocinadoras a súa colaboración xa que sin todas elas esta proba non sería posible”

Pola súa banda, Ricardo Rey, integrante da organización da proba agradeceu ao Concello “a oportunidade de organizar o único triatlon de longa distancia de Galicia, no que participarán preto de 700 deportistas procedentes de toda España e Portugal, dos cales unha vintena son das Pontes, nun momento no que grandes probas, de gran tradición e consolidas no calendario nacional tiveron que quedar atrás”.

Rey fixo tamén fincapé en que “nesta ocasión formúlase unha proba moi aberta, con moitos nomes propios en ambas distancia, tanto na categoría feminina como masculina, cunha previsión meteorolóxica favorable que pode axudar a quen trate de bater o tempo récord da proba”

ACUATLON PROMOCIÓN MENORES

Este ano, como novidade, o NorthWest Triman inclúe unha nova competición, un acuatlon de promoción de menores que ten como obxectivo, en palabras da organización “ofrecerlle aos menores a posibilidade de sentir o que senten os triatletas que participan no NorthWest Triman e promocionar a práctica deportiva entre a rapazada. Nesta proba, na que están inscritos máis de 100 nenos e nenas, participarán deportistas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil, nados entre 2017 e 2010.

A proba comezará ás 16:30 horas e os deportistas máis novos terán que nadar 50 metros e correr 500 metros mentres que os atletas das categorías superiores tomará a saída ás 16:45 horas para enfrontarse a un circuíto de natación de 100 metros e, a continuación, correr un quilómetro.

PATROCINADORES

Nesta presentación tamén estiveron presentes Óscar Salgado Seijas, director territorial da Coruña de Abanca; Alejandro Pérez, director postventa de Audi Arrojo, María Troncoso Calvo, xestora de comunicación de Coca Cola e Sara Lendoiro en nome de Gadisa; patrocinadores desta proba deportiva, que destacaron o traballo da organización dunha proba que xa é referente en España, agradecendo o seu compromiso co deporte de primeiro nivel e tamén coa saúde.

Tamén asistiu a esta presentación Javier Campos Peña, presidente da Federación Galega de Tríatlon, que amosou a súa satisfacción polo éxito da proba, agradecendo o Concello de As Pontes a súa implicación coa mesma e poñendo en valor a importancia de promocionar o deporte entre a mocidade coa organización do acuatlon de promoción para menores.

Finalmente, Elena Lopez agradeceu a colaboración de todas as persoas que dalgún xeito colaboran nesta proba, Policía Local, Protección Civil, clubs deportivos e voluntarios e voluntarias, desexando moita sorte a todos os deportistas que participarán na proba e convidando á veciñanza ó público asistente a vivir e compartir a emoción polo esforzo dos atletas”.

Pola súa banda, desde a organización aproveitaron a ocasión para agradecer á veciñanza das Pontes a súa comprensión e paciencia, “ante unha proba de longa duración, que inclúe un circuíto de bicicleta pechado ao tráfico cos inconvenientes que pode supoñer para a mobilidade da veciñanza”

NORTHWEST TRIMAN LONGA DISTANCIA

A proba, que dará comezo ás 09:00 horas, arrincará nas augas do Lago de As Pontes, cun sector de natación de 3,8 km de distancia, nun circuíto de 1,9 km, con saída e chegada na praia, ó que os deportistas terán que dar dúas voltas. A saída para os atletas que compitan en media distancia comezará 15 minutos antes e só terán que dar unha volta no sector de natación

Continuará co sector de ciclismo. Un circuíto de algo máis de 44 quilómetros no que terán que completar catro voltas (dúas no caso da media distancia) para facer un total de 180 quilómetros que levará ós atletas polos concellos de As Pontes, Xermade e Vilaba.

Por último, o sector de carreira, cos 42 quilómetros da maratón que transcorrerán polas rúas da vila, nun percorrido que dará catro voltas ó mesmo circuíto (dúas no caso da media distancia).