As Pontes, 20 de xuño de 2023. O Concello das Pontes destinará 38.000 euros ao programa municipal de axudas para a escolarización, dirixidas a atender os gastos orixinados polo inicio do curso escolar 2023-2024.

Estas achegas están destinadas a atender os gastos de adquisición de libros e material escolar ou informático do alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato , Ciclos Formativos do municipio e o alumnado do Conservatorio de Música Profesional das Pontes.

No caso do alumnado de Educación Infantil, de 0 a 3 anos, a axuda poderá alcanzar os 30 euros. Para Educación Infantil, de 3 a 6 anos, a contía elévase a 100 euros, ao igual que para Educación Primaria e Secundaria. Os ciclos Formativos e o Bacharelato subvencionaranse con ata 140 euros e o alumnado matriculado en FP básica recibirá axudas de 80 euros mentres que o alumnado do Conservatorio de Música Profesional das Pontes recibirá 40 euros no caso de cursar grao elemental e 60 euros se cursa o grao profesional.

As persoas beneficiarias destas axudas son o pai/nai, ou titor/a legal do alumnado empadroado nas Pontes e que vaia cursar formación nos centros educativos do municipio. Ademais de estar empadroado no momento da solicitude, é requerido que a renda da unidade familiar non supere os 21500 € ou no caso das familias numerosas incrementarase esta cifra en 950 € a partires do/a terceiro/a fillo/a.

A presentación de solicitudes levarase a cabo no Rexistro Municipal (necesaria cita previa nos teléfonos 667129389 / 667129380) ou a través da sede electrónica. Xunto co modelo de solicitude cuberto, hai que achegar o DNI da persoa solicitante, o libro de familia e no caso de familias numerosas a fotocopia do título, e o certificado de matrícula do centro de estudos. No caso das familias monoparentais haberá que presentar a sentencia xudicial, no caso de separación ou divorcio, ou o certificado de defunción de ser o caso.

Non obstante, no caso de non autorizar ao Concello para a consulta directa da situación tributaria, empadroamento ou débedas con outra administración tamén debera aportarse a declaración do IRPF do exercicio 2021 ou o certificado de imputacións de rendas correspondentes ao ano 2021 expedido pola Axencia Tributaria. Será preciso o certificado de non existencia de débedas coa AEAT, seguridade social e Concello das Pontes e o certificado de empadroamento colectivo.

O prazo para solicitar estas axudas remata o día 19 de xullo. Doutra banda, para todo aquel alumnado que por obrigación teña que formalizar a matrícula en setembro, abrirase un prazo extraordinario do 18 ao 29 de setembro de 2023.

Máis información e recollida de impresos: Departamento Servizos Sociais.

Teléfonos de información: 981 44 10 08- 667 12 93 36- 667 12 93 35

BASES DA CONVOCATORIA. VER

IMPRESO SOLICITUDE: DESCARGAR

IMPRESO SOLICITUDE EDITABLE: DESCARGAR