Foto. REGANOSA

As Pontes, 2 de decembro de 2022. O proxecto de hidróxeno verde H2Pole, impulsado por Reganosa e EDP nas Pontes, recibirá 24 millóns de euros do Goberno, segundo o anuncio realizado esta mañá polo presidente Pedro Sánchez, que avanzou a resolución provisional da primeira convocatoria do PERTE ERHA (Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento) do Plan de Recuperación.

A planta de hidróxeno verde das Pontes, que estará operativa en 2025, xa ten terreos onde construírse e  trátase do primeiro proxecto en ser considerado de interese estratéxico por parte da Xunta de Galicia (un movemento que permite acurtar á metade os seus prazos de tramitación)

A planta contará con 20 megavatios de potencia inicial, podendo ser elevados ata os 100 megawatts unha vez proxéctese o completo. Reganosa e EDP cifraron en 156 millóns de euros o investimento necesario e calcularon que esta iniciativa permitiría a creación de 60 novos postos de traballo directos, así como outros 2.500 indirectos.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou o seu parabén ás empresas e cualifica o  proxecto das Pontes, que tamén contará cunha axuda de 5,2 millóns de euros, como “planta estratéxica” para a creación de emprego, a transición enerxética e para “afianzar o futuro da industria galega”.

O delegado do Goberno ademais incidiu en que “o Plan de Recuperación chegou a Galicia”, con preto de 2000 millóns de euros xa despregados na comunidade para impulsar a recuperación e o crecemento económico, cifra da que, segundo os datos achegados por Delegación do Goberno, están a beneficiarse máis de 1.600 empresas galegas. “O Plan de Recuperación segue chegando a Galicia e transformando Galicia, e hoxe damos un paso máis neste obxectivo”, afirmou Miñones.