As Pontes, 2 de decembro de 2022. A programación de Nadal no Concello das Pontes arrancará esta noite, ás 21:00 horas co acendido da iluminación. Un evento que estará amenizado por Cherry Sweet, unha banda de swing viguesa composta por tres voces cunha longa traxectoria no panorama nacional, e a actuación do mago Héctor Sansegundo.

As actividades continuarán o sábado, 3 de decembro, co festival de ilusionismo, “As Pontes ten Maxia”, unha proposta que achegará, ata diferentes escenarios da vila, unha selección dalgúns dos mellores e máis premiados números de maxia do momento.

A partir das 11:00 horas, o Mago Samena dirixirá un obradoiro de maxia, dunha hora de duración, para rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, e a continuación realizará unha actuación, aberta a todo o público, ás 13:00 horas no salón de actos da Casa Dopeso.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda para a Gala de Maxia Infantil Familiar, a cargo do Mago Rafa, no Auditorio Municipal Cine Alovi e, o domingo, 4 de decembro, a partir das 18:00 horas celebrarase a Gran Gala Internacional de Maxia no Auditorio Municipal Cine Alovi na que participarán Dani Polo, Lore Lavand, o Mago Rafa, David Díaz, e o Dúo Kybalion.

A seguinte fin de semana, a compañía La Fam Produccións percorrerá as rúas do centro da vila co espectáculo Aquiles, unha proposta de gran impacto visual no que un xigante articulado de 5,50 metros de altura irromperá na vila, a partir das 18:00 horas.

O sábado, 10 de decembro, a mesma compañía achegarase ata o Auditorio Municipal Cine Alovi con Ambulant, un espectáculo circense de gran formato que homenaxea aos últimos circos clásicos de principios de século XX. Haberá unha función ás 16:00 horas e outra ás 19:00 horas.

O domingo, 11 de decembro, o Auditorio Municipal Cine Alovi acollerá, a partir das 18:00 horas, o Festival de Nadal da Rondalla Vila das Pontes que contará coa participación da Rondalla Estrelecer.

O día 15 de decembro, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá o espectáculo Que animaliño é? da compañía Trémola, enmarcado dentro da proposta Xoves na Biblio, unha obra sensorial para bebés que lles fará gozar, coñecer e recoñecer a súa contorna a través de diferentes elementos sensoriais como burbullas de xabón, confeti ou instrumentos musicais.

A programación de Nadal continuará o sábado, 17 de decembro, ás 12:00 horas, na Casa Dopeso, co concerto da pianista Mariana Prjevalskaya, no marco do programa de inverno cultural da Deputación da Coruña, con motivo da celebración de 150 aniversario do nacemento de Alexandre Scriabin, un dos compositores máis innovadores da historia da música. O mesmo día, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, o músico Andrés Balado presentará o seu primeiro disco “Entrelazados”

O día 20 de decembro, a partir das 17:30 horas, na Casa Dopeso, o alumnado do Conservatorio de Música Profesional das Pontes, fará gozar á veciñanza e público asistente co seu concerto PequeNadal. O día 21 de decembro será a quenda para a Escola Municipal de Acordeóns, a partir das 18:00 horas, no mesmo escenario mentres que o día 22 de decembro, no Auditorio Municipal Cine Alovi, a partir das 17:30 horas, o coro infantil e banda orquesta do Conservatorio Municipal de Música Profesional fará gozar á veciñanza co seu concerto de cine.

Xa o día 26 de decembro, dentro da programación dos Xoves na Biblio, o público máis novo do municipio poderá gozar do espectáculo do Mago Román García. Será a partir das 18:00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso e ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal será a queda para o Concerto de Nadal da Banda Municipal e Recreativa das Pontes.

Para o día 30 de decembro, o Concello das Pontes programou o espectáculo Distans da compañía Vol`e Temps, composto por escenas de circo acrobático que conforman un espectáculo visual, sonoro moi divertido e único. A representación comezará ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi.

Por outra banda, a partir do día 23 de decembro e ata o día 4 de xaneiro, o Patio do Colexio Santa María acollerá a proposta “Tempo de Nadal”, dirixida a nenas e nenos, de entre 3 e 14 anos, a través da que poderán gozar de obradoiros de animación, karaoke, inchábeis o batallas de nerf, entre outras actividades.

Así mesmo, os días 24 e 31 de decembro e os días 2, 3 e 4 de decembro diferentes grupos musicais así como compañías de teatro e de circo animarán cos seus espectáculos ao aire libre as rúas do centro da vila.

Os días 29 e 30 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro, desde ás 16:00 ás 20:00 horas, o Tren de Nadal chegará a As Pontes para facer un recorrido pola vila e ver todo o alumeado Nadal.

A programación de Nadal terá o seu broche de ouro o día 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis Magos, que sairá ás 18:00 da Rúa Monte Caxado para facer o seu percorrido habitual e rematar na casa do Concello cunha recepción real. Unha vez rematada, o público asistente poderá gozar da actuación do grupo Rock Kids Le Suite Band e haberá chocolate e roscóns de reis para todas as persoas asistentes.

Desde o Concello das Pontes anímase a toda a veciñanza e persoas visitantes a gozar destas actividades e formar parte delas, aproveitando a ocasión para desexarlles unha felices festas.

CONSULTAR PROGRAMA: VER