As Pontes, 22 de xuño de 2020. O Concello das Pontes, na reunión da Mesa de Transición Enerxética das Pontes celebrada hoxe, de forma telemática, esixiu que Endesa reafirme o seu compromiso coas probas de biocombustibles na central térmica pontesa.

Durante esta reunión que contou coa participación do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a concelleira de Industria, Ana Pena, así como con representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia, as centrais sindicais e as asociacións de empresarios das Pontes e de transportistas, o Concello das Pontes reclamoulle á compañía unha alternativa de futuro para o complexo eléctrico pontés, á espera de coñecer os resultados das probas de hibridación de combustibles que se van a levar a cabo durante o mes de xullo na térmica das Pontes se estes arroxan datos favorables.

Así mesmo, os membros da Mesa de Transición Enerxética das Pontes solicitaron, de novo, o firme compromiso de empresa co mantemento do emprego vinculado para establecer unha vía de diálogo cos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares así como cos transportistas para achegar claridade ás súas situacións.

Neste sentido, a próxima semana está previsto que o Ministerio de Transición Ecolóxica, a  Xunta de Galicia, o Concello das Pontes e a Asociación de transportistas do Carbón das Pontes manteñan unha reunión para buscar unha solución urxente ao problema de financiamento que ten o colectivo de transportistas nestes momentos.

Ana Pena, responsable da área de Industria do Concello das Pontes, valorou positivamente o encontro e resaltou o compromiso lanzado por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para fomentar e apoiar, a través de diferentes mecanismos, o asentamento de novos proxectos empresariais nas Pontes, xeradores de emprego nun futuro próximo, como podería ser a construción dunha planta de hidróxeno.

Por outra banda, durante este encontro, os representantes ministeriais referendaron o compromiso adquirido na reunión celebrada en Madrid no mes de marzo, para ter en conta, na adxudicación dos nós de evacuación, os beneficios sociais, económicos e laborais que os proxectos reporten ao  concello para a contratación daquelas propostas que mostren un maior compromiso co emprego no municipio.